O ex-xefe da Policía Local de Padrón acusado de agredir e deter ilegalmente a un home defende a proporcionalidade da actuación

A suposta vítima asegura que o axente, xa xubilado, tirouno ao chan e pateouno, versión que apoia unha testemuña que actuou no seu favor.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/01/2021 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O axente da Policía Local de Padrón que se enfronta a unha petición de cinco anos de cárcere por supostamente ter agredido e detido ilegalmente a un home defendeu a proporcionalidade da súa actuación que, segundo sostivo no xuízo celebrado este venres, requiriu reducir fisicamente á presunta vítima en resposta a un intento de agresión que o denunciante nega realizar.

Xuízo a un policiá local de Padrón acusado de agredir e deter ilegalmente a un home
Xuízo a un policiá local de Padrón acusado de agredir e deter ilegalmente a un home | Fonte: Europa Press.

Os xulgados de Santiago, sede da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, acolleron na mañá deste venres o xuízo contra o ex-xefe da Policía Municipal de Padrón, na actualidade xubilado, por uns feitos rexistrados hai dous anos polos que o Ministerio Público reclama cinco anos de cárcere polos delitos de detención ilegal, denuncia falsa e lesións.

O caso remóntase a febreiro de 2018, cando o axente localizou un vehículo estacionado nunha zona prohibida, enfronte da oficina de servizos sociais da localidade coruñesa, onde se atopaba o condutor do coche realizando uns trámites.

No momento en que o policía estaba a formular a denuncia presentouse o suposto agredido que, como el mesmo recoñeceu na vista, recriminou a actitude do axente e, nun primeiro momento, negouse a identificarse.

Segundo o testemuño do acusado, nun momento dado, o denunciante entrou no vehículo e, tras facilitarlle o seu carné de identidade, saíu do coche e enfrontouse ao axente lanzándolle un golpe co xeonllo dirixido cara aos seus testículos que non chegou a impactar totalmente.

Ante isto, o policía asegura que, como "acto reflexo", empurrou o home facéndoo caer ao chan e, unha vez alí, usou os seus pés para facer a manobra do "varrido", consistente en separar os xeonllos da persoa para evitar que poida levantarse.

O denunciante, pola súa banda, recoñeceu que chegou a alterarse e que recriminou a actitude do axente, pero nega que tentase agredilo, senón que foi ao revés. A súa versión, apoiada por unha testemuña ocular que actuou a prol da presunta vítima, sinala que foi agrarrado da chaqueta mentres saía do coche e lanzado cara ao chan e que alí recibiu patadas por parte do policía.

O informe forense presentado na vista apunta que as lesións observadas nas pernas durante a exploración posterior aos feitos do denunciante poderían ser compatibles coa manobra que di realizar o policía, aínda que os hematomas do costado indican que a caída ao chan foi lateral.

DETENCIÓN

Tras isto, a suposta vítima foi afastada do vehículo polo acusado, que o levou, agarrado da chaqueta, cara a unha parede, onde esperou a chegada dunha compañeira do corpo. Ambos os axentes procederon a trasladar o arrestado a dependencias policiais, onde se formularon os partes de denuncia e procedeuse a deixalo en liberdade tras comprobar con servizos sociais que tiña a dúas persoas con alto grao de dependencia ao seu cargo.

No traxecto á comisaría, o arrestado nunca chegou a ser esposado. Cuestionado por este feito, o policía acusado e a súa compañeira (que testificou no xuízo a petición da defensa) sostiveron que, a pesar da actitude mostrada previamente, non o consideraron necesario.

Todo isto foi observado por unha muller que se atopaba xusto enfronte do vehículo do denunciante no momento dos feitos. Esta testemuña apoiou co seu testemuño a versión da suposta vítima e asegurou que o policía actuou de forma desmedida, chegando a "arrincar" do asento do coche ao home e lanzalo contra o chan.

Esta muller manifestou na sala que se dirixiu ao axente para recriminar a súa actitude e que outras persoas que estaban na vía pública observando a escena berrándolle "déixao, que é A.", en referencia ao 'historial' do policía, con máis de 30 anos de servizo como axente no municipio coruñés.

Tamén testificou no xuízo unha veciña do lugar onde se produciron os feitos, quen puxo énfases na actitude "agresiva" e "ameazante" da suposta vítima, da que di escoitar que "ía arrincar a cabeza" ao policía.

CONCLUSIÓNS

Durante as conclusións (momento no que o denunciante foi expulsado da sala polo xuíz debido á súa actitude), o Ministerio Público sinala as contradicións achegadas nas versións dos feitos ofrecidas polo axente como un dos elementos que apuntan á súa culpabilidade. En concreto, subliña que non fixo referencia ao suposto tento de agresión que, di, motivou a súa resposta ata que testificou como investigado polos feitos.

Pola súa banda, a defensa do xa exaxente da Policía Local de Padrón mantén que a actuación do seu cliente á hora de reducir ao home foi correcta e xustificada nuns momentos "de tensión" que se resolven "en décimas de segundo".

Sostén que os informes forenses non apoian as feridas provocadas polas patadas e que si apuntan a que os negróns das pernas do denunciante poden corresponder coa manobra de 'varrido' de pernas para inmobilizalo.

Ademais, desacreditou a versión da testemuña que apoiou a versión da suposta vítima --de quen destacou a súa actitude "vehemente"--, á vez que incidiu en que o delito de detención ilegal debe ser acreditado pola existencia dun "dolo específico" que non existiu no proceder do axente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta