Sánchez asegura a Feijóo que o AVE a Galicia estará en servizo na segunda metade de 2021

O presidente español defende ante o galego o estado de alarma e rexeita a petición do mandatario 'popular' de pór en marcha unha lei de pandemias.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 29/01/2021 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este venres, tras reunirse co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, que o mandatario estatal lle ratificou que o AVE a Galicia estará en servizo no segundo semestre de 2021. No encontro abordaron outras cuestións en materia de infraestruturas e de política industrial relevantes para Galicia.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez (d), conversa co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha reunión convocada no Palacio da Monclo
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez (d), conversa co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha reunión convocada no Palacio da Monclo | Fonte: M. Fernández. POOL - Europa Press.

Sobre a alta velocidade, á marxe de ratificar a data que o Ministerio de Fomento xa puxera sobre a mesa para o AVE que enlazará Galicia coa Meseta (2021), o presidente galego incidiu en que tamén urxiu solucionar os "atrasos" da conexión con Lugo.

Segundo avanzou, profundará nestas cuestións nunha reunión que terá co ministro de Fomento, José Luís Ábalos.

Tamén abordará todas as cuestións industriais e enerxéticas --co futuro de factorías como a de Alcoa en Cervo (Lugo) ou a de Endesa nas Pontes no aire-- noutra reunión coa ministra Teresa Ribera.

ESTADO DE ALARMA

Nesta reunión, o presidente do Goberno central trasladou a Feijóo que o estado de alarma é o instrumento legal "máis sólido" para combater o coronavirus, fronte á petición que fixera o mandatario 'popular' de pór en marcha unha lei de pandemias.

Segundo defendeu Alberto Nuñez Feijóo tras este encontro, o líder galego atopou "receptivo" a Pedro Sánchez ante esta proposta. Con todo, na nota de prensa que difundiu A Moncloa para informar da reunión, asegúrase que o presidente do Goberno reivindicou o estado de alarma ante o mandatario da Xunta.

Este encontro produciuse no Palacio da Moncloa e durou ao redor das dúas horas, e serviu tamén para que o presidente da Xunta volvese a insistir na petición de adiantar o toque de queda máis aló das 22.00 horas e se permita un confinamento domiciliario para algúns lugares concretos.

Feijóo trasladou a Sánchez a "necesidade" de ter unha lei de pandemias, que o Executivo galego espera pór en marcha o próximo mes de febreiro, e que daría un marco legal para poder tomar medidas sen a necesidade de recorrer ao estado de alarma, que rexe na actualidade e ata o próximo mes de maio.

O líder galego defendeu que, unha vez se logre inmunizar a gran parte da poboación, durante o ano 2020 seguirán producíndose rebrotes e, por iso, reafirmou a importancia de pór en marcha unha norma que ampare certas medidas.

Con todo, Sánchez repasou as medidas adoptadas polo Goberno central para controlar a pandemia, desde o estado de alarma como o instrumento legal "máis sólido" para facer fronte ao coronavirus, segundo informou Moncloa.

RECOMENDAR USO DE MÁSCARAS FFP2

Outra das peticións que realizou Feijóo foi o de ordenar e clarificar en que casos é necesario prever a utilización das máscaras FFP2, e pediu que haxa uns criterios homóxeneos á hora de recomendar o seu uso en certos ámbitos como o do transporte.

Este debate foi suscitado xa onte no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, e a ministra de Sanidade, Carolina Darias, recoñeceu que esta formulación foi feita por varias Comunidades Autónomas, pero que o director do CCAES, Fernando Simón, defendeu que a homologación das máscaras cirúrxicas en España fai que este tipo de máscaras sexan tamén bastante efectivas.

SUBMINISTRACIÓN DE VACINAS

Por outra banda, Sánchez expresou a súa "confianza" na fortaleza das institucións europeas para conseguir un nivel óptimo na subministración de vacinas máis aló das dificultades que se están coñecendo nos últimos días.

Neste contexto, Feijóo pediu concreción nun calendario vacinal "para que os cidadáns saiban cales son os criterios de en que mes e en que orde se van realizar estas vacinas". "A seguridade diminúe a ansiedade", sinalou o líder galego.

Así mesmo, pediu que a repartición das vacinas se faga conforme aos criterios establecidos e, neste punto, puxo de exemplo que para vacinar aos maiores de 80 anos se atenda á porcentaxe de poboación desa idade que hai en cada territorio.

FINANCIAMENTO

Outro dos eixos nos que virou a reunión entre ambos os líderes foi o financiamento. Neste sentido, Feijóo volveuse a queixar pola falta de pagamento do IVE de 2017 e polos "incumprimentos" dos convenios das Comunidades que estaban en estabilidade orzamentaria.

Por último, e en relación aos fondos europeos, Feijóo asegurou que a votación de VOX non suscitou ningún comentario entre el e Sánchez, pero o líder galego recoñeceu que lle sorprendeu esta posición do partido de Santiago Abascal.

FONDOS EUROPEOS E FINANCIAMENTO

Por outra banda, Feijóo tamén expresou o seu optimismo ante a receptividade de Sánchez aos proxectos galegos que optan aos fondos europeos 'Next Generation'. O presidente autonómico incidiu nos proxectos tractores que xa se coñecen, relacionados coa construción dunha planta de produción de fibras téxtiles; coa posta en marcha dunha planta de economía circular para a xestión de residuos orgánicos; co impulso do polo aeroespacial de Galicia; co proxecto da automoción galega; e coa fabricación de vacinas nos laboratorios Zendal.

"En definitiva, estamos a falar duns proxectos que suporán uns 17.000 novos postos de traballo. Ao presidente o que lle pedín é obxectividade na repartición dos fondos, concorrencia competitiva nos proxectos e el aseguroume que vai haber esa concorrencia competitiva nos proxectos dos fondos Next Generation", dixo.

CUESTIÓNS INDUSTRIAIS E INFRAESTRUTURAS

Os problemas industriais de Alcoa, Endesa nas Pontes ou Meirama, así como a posibilidade de que Ence abandone a ría de Pontevedra tiveron oco tamén nun encontro tras o que Feijóo anunciou que profundará máis nelas a través de dúas futuras reunións co ministro de Fomento, José Luís Ábalos, e a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira.

Ademais, asegurou que Sánchez lle ratificou o seu compromiso con que o AVE a Galicia estará en servizo "no segundo semestre de 2021"; e con que se rebaixarán as peaxes da AP-9, e é partidario da súa transferencia, como apoian "por unanimidade" os distintos grupos políticos galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta