Concentración dos traballadores de Galicia Téxtil ante a fábrica de Neda para rexeitar os despedimentos

Pedirán falar co conselleiro de Industria, Francisco Conde, que "no ano 2015 veu aquí facer unha foto co CEO de Téxtil Santanderina, dicir que esta era unha fábrica punteira, agora que as cousas veñen mal, pois tería que vir tamén, a tratar de solucionar o tema".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2021 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

Ao redor dunha trintena de persoas concentráronse no mediodía deste venres ás portas da fábrica que a empresa Galicia Téxtil ten situada en Xuvia, Neda, para mostrar o seu rexeitamento aos trece despedimentos que a dirección ten previsto executar na planta.

Jesús Pérez (UGT) reiterou  que a dirección non quixo aceptar a súa proposta durante o proceso negociador do ERTE, para ter unha saída digna para as persoas maiores de 55 anos cun proceso de prexubilación, mentres que o resto se acollería "a un ERTE rotativo".

"Negáronse coa desculpa de que o dono do grupo, Téxtil Santanderina, asegurou que non cre nesta medida, cando curiosamente se foi utilizada noutra empresa do grupo e nesta mesma hai anos, funcionando aquí sen ningún problema".

Pérez acusou á dirección da empresa de tentar "condicionar" aos sindicalistas "con ofrecementos velados" para presionarlles e facerlles "asinar, con manobras estrañas". O delegado dos traballadores tamén trasladou que van solicitar unha entrevista co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde-

"No ano 2015 veu aquí facer unha foto co CEO de Téxtil Santanderina, a dicir que esta era unha fábrica punteira, do mellor que había en Europa e agora que as cousas veñen mal, pois tería que vir tamén, a tratar de solucionar o tema".

Protesta de traballadores de Galicia Téxtil
Protesta de traballadores de Galicia Téxtil | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta