Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/02/2021 | Actualizada ás 17:03
O recurso contra a sentenza que considera que o pazo de Meirás é propiedade do Estado continúa tramitándose coa presentación dun herdeiro máis da familia Franco, Francisco Franco Martínez-Bordiú. "Por ter ou poder ter interese directo e lexítimo no resultado deste litixio", segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en base á providencia emitida este luns pola sección terceira da Audiencia Provincial da Coruña e que descarta a nulidade das actuacións tras o "erro" detectado en relación coa propiedade dunhas leiras.
O tribunal indica na providencia que o herdeiro que se dá por presentado na causa asumiu "como propio todo canto se actuou e resolveu ata a data no presente procedemento, así como o que poida resolverse nun futuro a resultas de actuacións procesuais xa implementadas".
De acordo con esa decisión do herdeiro, os maxistrados indican que "non procede acordar sobre a nulidade das actuacións levadas a cabo ante o Xulgado de Primeira Instancia", sinala en referencia ao fallo que condenou aos Franco á devolución do Pazo de Meirás e que os herdeiros do ditador recorreron ante a citada Audiencia.
Na providencia, contra a que pode interporse recurso de reposición, o tribunal sinala que se considera "necesaria" a presenza como demandado do herdeiro da familia Franco.
"En canto, aparentemente, segue sendo o titular rexistral" de catorce leiras do Pazo de Meirás, pois "non consta o seu traspaso a Pristina, S.L.".
O Estado xa descartara, segundo confirmou a Delegación do Goberno, a posibilidade de que houbese algunha posibilidade dunha nulidade nestes momentos a pesar de detectarse un "erro" en canto á propiedade do Franco.
O Concello de Sada (A Coruña) tamén deu por "aclarado e liquidado" este asunto coa documentación achegada pola representaicón dos Franco. Á súa vez, a representación dos Franco descartara a posibilidade de pedir a nulidade por esta cuestión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.