O Tribunal Superior exime a Xunta de indemnizar a unha parella por unha adopción frustrada en Etiopía

Destaca que o resultado non pode achacarse a un "normal ou anormal" funcionamento da Administración.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/02/2021 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) eximiu á Xunta de indemnizar a unha parella en 67.900 euros por unha adopción internacional errada. Segundo recolle a sentenza, contra a que cabe recurso de casación, o tribunal rexeitou o recurso interposto por unha parella contra a desestimación da Consellería de Política Social dunha solicitude de indemnización polo "deficiente funcionamento dos servizos públicos" da Xunta ante a errada adopción dun neno etíope, xestionada pola Entidade Colaboradora de Adopción Internacional (ECAI) ADDIS Galicia.

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Xunta.

En concreto, os recorrentes buscaban o recoñecemento do seu dereito a ser indemnizados "polos danos e prexuízos causados pola Consellería de Política Social" en máis de 67.900 euros. Así, explicaron que, tras ser admitidos para iniciar un proceso de adopción en Etiopía, presentaron unha solicitude en febreiro de 2012 e a Consellería convocounos a unha reunión fixada para marzo dese ano cos técnicos do equipo de adopción.

Ese mesmo ano, a Xunta comunicoulles que o seu proceso, unha vez obtida a certificación de idoneidade, sería xestionado por ECAI, á que transferiron 5.500 euros antes de asinar o contrato e 2.400 despois.

En 2017, a entidade requiriulles o pago dun complemento de tarifa por importe de case 6.700 euros e un donativo de 8.000 euros entre outras prestacións económicas non recollidas no contrato subscrito e que non abonaron. Finalmente, a sentenza explica que "o proceso de adopción internacional resultou errado ao non poder afrontarse nesas circunstancias, sen que a Administración nin a ECAI achegasen solucións ao problema".

Por iso, a parella formulou unha reclamación de responsabilidade patrimonial contra a Administración, ao entender que "a Consellería de Política Social fixo abandono da súa función de control e vixilancia" respecto da actuación ECAI e "a solvencia económica da mesma". Mediante a solicitude, considerada desestimada por silencio administrativo, os recorrentes buscaban que a Xunta os indemnizase en 60.000 euros por danos morais e abonáselles os 7.000 euros pagos a ECAI.

AUTORIDADE COMPETENTE

O TSXG lembrou que, "en materia de adopción internacional, a autoridade competente en Galicia é a Consellería de Política Social". Tamén apuntou que "detrás dunha ECAI habilitada que exerce a súa actividade está sempre a Administración" dado que a entidade debe cumprir requisitos para obter a habilitación da Xunta que lle permita desenvolver funcións en materia de adopción internacional e someterse ao seu control.

Con todo, o tribunal sinalou que os que interveñen na tramitación "non poden garantir o éxito da adopción nin deben facelo", pois unha adopción transterritorial ou transnacional "está suxeita a unha multitude de circunstancias, contratempos e riscos".

Aínda que recoñeceu que "se produciu un resultado lesivo ou dañoso", descartou que estea relacionado cun "normal ou anormal funcionamento da Administración", xa que "obedece a causas alleas sobrevindas". Ademais, os xuíces remarcaron que os recorrentes eran "perfectos coñecedores da incerteza respecto do éxito ou fracaso da adopción pretendida".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta