Por Galicia Confidencial | Cerceda | 06/08/2013 | Actualizada ás 13:49
O BNG denuncia a existencia dunha "trama" de financiamento irregular no concello de Cerceda. Os feitos denunciados aconteceron a pasada semana e están relacionados co cobro duplicado dunha factura por parte dun contratista de Cerceda, polas obras feitas no museo da Minaría de Cerceda. A factura foi cobrada polo contratista, despois de endosar a mesma factura ao Banco Pastor e ao Banesto
Segundo esta formación política, o alcalde de Cerceda, xunto cun contratista que foi nas listas do PSOE nas elecións locais do 2007, e o director dunha sucursal bancaria, que foi xa trasladado, participaron presuntamente nesta suposta trama para estafar máis de 200.000 euros.
Denuncia do Banco Pastor
A portavoz municipal do BNG de Cerceda, Rocío da Igrexa Prego, demandou este mércores do alcalde a convocatoria urxente dun pleno extraordinario para que o rexedor, o socialista José García Liñaes, explique a súa implicación nesta "trama da estafa" que, inicialmente, denunciou o Banco Pastor. Segundo os datos da denuncia, o alcalde de Cerceda asinou o endoso bancario dunha certificación falsa de 202.242,90 euros. O director desa oficina bancaria aceptou ese endoso a pesar de carecer do requisito imprescindíbel da sinatura e conformidade da Intervención municipal, “feito polo que semella xa foi trasladado de sucursal fai un par de meses”, di o BNG.
A factura correspondía á obra do Museo da Minaría de Cerceda antes do seu remate. Unha vez terminadas as obras certificáronse pola mesma cantidade de 202.242,90 euros e fíxose outro endoso a outra entidade bancaria (ao Banesto), esta vez cumprindo a legalidade, coa sinatura do alcalde e da interventora municipal e pagada en setembro do ano pasado.
Investigación na Fiscalía
Diante desta fraude o Banco Pastor interpuxo Contencioso Administrativo contra o concello e a empresa, e os propios servizos técnicos do concello de Cerceda na Fiscalía, que xa tomou declaración o 7 de xuño pasado á interventora municipal'.
"A gravidade dos feitos obrigan ao alcalde a dar a cara e todo tipo de explicacións aos veciños e veciñas de Cerceda pola súa presunta participación nesta estafa. E agardo que non demore por moito tempo a súa comparecencia diante do pleno da corporación municipal", manifestou a nacionalista Rocío da Igrexa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.