Temas: FRASEOLOXíA

Formas galegas que dan conta da voz castelá “rato” como espazo de tempo (1ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 21/02/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Facendo unha pequena paréntese no eido da fraseoloxía e desviándonos transitoriamente cara ó do léxico, imos abordar desta volta (relacionado co que comentabamos no artigo “Ninguén de ningures”, equivalente, entre outras varias, á castelá “don nadie” da “necesidade” que se implanta en moitos galegofalantes do emprego de voces ou expresións do castelán debido á altísima porcentaxe de información que desde esta lingua recibimos no noso día a día) unha voz castelá que nos últimos anos se introduciu a pasos de xigante no noso idioma e que xa se escoita decote na fala de cada vez máis galegos: o vocábulo *rato co significado de “espazo de tempo, sobre todo se é curto”.

O tempo pasa nun reloxo entre o cambio de hora dun horario a outro
O tempo pasa nun reloxo entre o cambio de hora dun horario a outro | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Para o caso, imos variar o tradicional formato e disposición desta colección de artigos a fin de fornecer, dun xeito que pretende ser tan sequera minimamente pedagóxico e instrutivo, algunhas posibilidades expresivas en galego susceptibles de ocupar os mesmos espazos de uso (cando menos nunha xeneralidade de ocasións, xa que é visto que resulta practicamente inviable dar conta de todas elas) cá dita forma castelá. Imos aló, pois.

[POR MOR DE PROCURAR NON ABAFAR CON CONTIDO DE MÁIS O LECTOR, IMOS DIVIDIR O PRESENTE ARTIGO EN VARIAS PARTES A FIN DE TENTAR FACILITAR ASÍ UNHA DESCODIFICACIÓN E ASIMILACIÓN MÁIS LIVIÁ E LIXEIRA DA INFORMACIÓN.]

FORMA CASTELÁ

FORMA GALEGA

FORMAS XERALMENTE AXEITADAS EN GALEGO PARA OS SIGNIFICADOS DA VOZ CASTELÁ

 

 

Rato (DRAE): 1. m. Espacio de tiempo, especialmente cuando es corto. Estuve esperando un rato. Voy a descansar un rato. Un rato de conversación. El rato del estudio. 2. m. Gusto o disgusto pasajeros. Pasó un BUEN rato. Me has dado un MAL rato.

 

 

Rato (DRAG): m. 1. Pequeno mamífero roedor, de cor gris ou parda e rabo delgado e longo, do que existen diversas especies das que algunha vive nas casas e outras no campo. Os ratos roénronlle o saco para comer a fariña. 2. Inform. Dispositivo manual que permite localizar na pantalla un punto e actuar sobre el,  que se manexa desprazándoo sobre unha superfice plana ou ben pode estar incorporado ao teclado. Mercou un rato sen fíos para o ordenador portátil. 3. (Scomberesox saurus) Peixe da subclase dos acantopterixios duns corenta e cinco centímetros, corpo alongado, mandíbulas aguzadas, a superior máis curta ca a inferior, falsas aletas detrás da caudal e da anal, e cor azulada polo dorso e prateada polos flancos e o ventre. Os alumnos souberon recoñecer peixes como o rato, a maragota ou a pescada. SINÓNIMOS alcrique, alpabarda, chandarme, pataguillón.

 

PARA OS MÁIS DOS CONTEXTOS:

 

Anaco / Cacho.

Momento.

 

 

 

DE TODOS OS XEITOS, E INDA QUE A NIVEL XERAL CON ALGUNHA DESTAS TRES VOCES (SOBRE TODO CON “ANACO”) REFLECTIDAS PARA O GALEGO CUBRIMOS NAS MÁIS DAS OCASIÓNS O CONTIDO DA VOZ CASTELÁ RATO, A SEGUIR IMOS AMPLIAR UN POUCO A INFORMACIÓN PARA ABORDAR DE MANEIRA MÁIS INDIVIDUALIZADA CERTOS CASOS QUE PROBABLEMENTE PRESENTAN UN USO MÁIS ESTENDIDO E QUE REQUIREN UN TRATAMENTO MÁIS POLO MIÚDO.

VEXAMOS, POIS, ALGUNHAS POSIBILIDADES (RECALCAMOS O DE “ALGUNHAS”, POIS DE SEGURO QUE HAI MOITOS CONTEXTOS EN QUE FALANTES DE SEU EMPREGARÍAN OUTRAS OPCIÓNS) EXPRESIVAS EN GALEGO:

ESPERAR UN RATO:

Naqueles contextos en que a información que se quere dar é a de que hai que agardar ou esperar *un rato, temos en galego varias opcións; coma tales, as seguintes:

un anaco / un bocado / un cacho / un momento / un intre / un pouco / un chisco / unha chisca / unha miga / unha migalla / un migallo / un retrinco / un pedazo / unha folga (todas elas coa opción de meterlle o diminutivo –iño para, en función de cada contexto, conferirlle maior forza expresiva).

Ex.: Tendrá que esperar un rato, que ahora no puede atenderle.

Terá que agardar un anaco un bocado un cacho un momento un intre un pouco un chisco unha miga un retrinco un pedazo unha folga, que agora non o pode atender.

Se ese *rato é moi curtiño, tamén poderemos empregar un nada / un nadiña / un nada e todo / un todo e nada.

Ex.: —¿Tuvisteis que esperar mucho tiempo? —¡Qué va, tan solo un ratito y ya entramos!

—¿Tivestes que agardar moito tempo? —¡Dodemo, a canto agardamos un todo e nada un nada e todo e xa entramos!

NOTA: Nótese (e isto garda xa relación co seguinte encabezamento e pódese predicar en xeral para o resto deles) que a voz castelá rato dá normalmente conta dun período curto de tempo, pero dependendo dos contextos pode denotar simplemente un período indeterminado de tempo –mesmo en ocasións un período que non se prevé demasiado curto–... e é aquí onde parece que xa entra cada contexto concreto e unha certa discrecionalidade do emisor á hora de usar segundo que expresión en galego: así, e por poñer un exemplo, a priori dá a impresión de que anaco, cacho ou pedazo cobren tanto un período curto de tempo (sobre todo se se empregan coa forma diminutiva rematada en -iño: anaquiño, cachiño, pedaciño) coma o período indeterminado de tempo, mentres que voces coma chisco ou miga (e inda en maior medida se se usan coa forma diminutiva chisquiño ou miguiña) parece que tenden a ser máis usadas se se fai referencia a un período máis ben curto.

En fin, que as linguas non se poden concibir como un ente matemático nin como fórmulas exactas que se poidan aplicar con resultado certo ó cen por cento, de aí que sexan entes vivos e en evolución e que a discrecionalidade dos falantes –dentro duns certos límites– xogue un papel moi importante nelas, polo que estes sempre van gozar desa marxe de liberdade que fai inviable que os gramáticos, lexicógrafos, lingüistas, etc. poidan describir, coma se dunha fórmula matemática se tratase, todos os posibles contextos de moitas variantes lingüísticas, sobre todo no terreo do léxico (de aí que, precisamente, as obras lexicográficas se teñan que ir actualizando e adaptando ás novas realidades da comunidade lingüística).

 

RATO como “período indeterminado de tempo”:

Cando *rato é modificado por un adxectivo de tal xeito que xa non se poida entender como “curto período de tempo”, senón como “período indeterminado de tempo” –mesmo en ocasións como período que non é ou non se prevé demasiado curto–, podemos usar anaco (de tempo), cacho (de tempo), bocado (de tempo), folga (de tempo), pedazo (de tempo) ou incluso, simplemente, tempo, entre outras opcións.

Ex.: Estuvimos allí un buen rato, pero justo al final nos atendió.

Estivemos alí un bo anaco (de tempo) un bo cacho unha boa folga un bo pedazo un bo tempo, pero xusto ó último atendeunos.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta