(Vídeo) As vantaxes das escolas do rural: “con tan poucos alumnos a educación é moi personalizada”

O Concello de Dodro destaca a "proximidade" e "calidade" dos seus centros por estar "espallados" e non concentrados nunha única localización.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2021 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

As escolas do rural reivindícanse. Logo de meses de denuncias contra a Consellería de Educación pola suposta discriminación á que se ven sometidos estes centros --no tocante, por exemplo, á loxística do transporte escolar-- os centros do agro galego veñen de tomar a iniciativa para destacar as moitas vantaxes que brinda o modelo educativo do rural.

Parque e zonas exteriores pertencentes a escolas infantís. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo
Parque e zonas exteriores pertencentes a escolas infantís. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo

Neste caso, o concello que leva a iniciativa á hora de subliñar a calidade educativa dos seus centros é Dodro. O consistorio coruñés non dubida á hora de destacar as potencialidades das súas escolas, que veñen de quedar reflectidas nun vídeo deseñado para “promover a matriculación nos diversos centros educativos do concello”, que comprenden dende unha escola Galiña Azul ao C.P.I. Eusebio Lorenzo Baleirón.

Pero por que presume este concello coruñés de ter as “mellores escolas”? Por un lado, e no caso do seu centro rural agrupado, subliñan a importancia de que se trate de escolas unitarias “espalladas polo territorio municipal”, no canto de se tratar de centros concentrados nun punto concreto. “Os pais e nais poden elixir a cal deles queren levar ós seus fillos independentemente da aldea onde vivan e destaca o elevado nivel educativo deste centro”, apuntan.

En liñas paralelas, a dispersión conseguida para estas aulas unitarias serve para poder “realizar unha educación moi personalizada”, que dende ao consistorio ligan ao “número de alumnos tan baixo”. Quizais tamén por esta razón “a relación coas familias é moi doada e tamén co seu entorno natural, que se fai inmediata”, máxime nun concello dotado dun entorno tan rico como Dodro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta