Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2021 | Actualizada ás 11:16
A rede galega de teatros e auditorios retoma a partir deste venres a súa actividade escénica e musical que, segundo informa a Consellería de Cultura, a pesar dos adiamentos debido ás medidas sanitarias, mantén a súa previsión de ofrecer máis de 300 funcións durante este primeiro semestre do ano.
Esta cifra, engade, "será posible grazas á reprogramación durante os próximos meses de máis do 90% das 50 citas que tiveron que ser suspendidas por este motivo no seo do circuíto que promove a Xunta, en colaboración con 40 entidades locais de toda Galicia". O 10% pendente trasladarase á programación do segundo semestre.
Esta carteleira tradúcese na contratación de 110 formacións artísticas dedicadas de maneira profesional aos ámbitos do teatro, danza, música, novo circo e maxia. A rede galega de teatrosy auditorios será, ademais, o escenario para a estrea de varios espectáculos galegos, como é o caso de dous cos que se reactiva a actividade este fin de semana.
Dunha parte, 'Soga e cinsa', unha montaxe de Aporía Escénica sobre a caza de bruxas, que contou para a súa produción cunha subvención autonómica á creación escénica e que poderá verse este venres e o sábado, ás 20,00 horas, no Auditorio Municipal de Vigo.
Por outra banda, está 'Pura', unha homenaxe de Náufragos Teatro á terceira idade e aos seus recordos, que se exhibirá por vez primeira ao público no Teatro Rosalía Castro da Coruña este sábado, ás 20,30 horas.
Este fin de semana haberá tamén representacións noutras localidades galegas como Arteixo, Viveiro, Santiago de Compostela, Cedeira e Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.