A hostalaría recibe información sobre as ferramentas para a difusión do aforamento e control de accesos

A Delegación do Goberno, a Xunta e os concellos acordaron impulsar a coordinación dos controis para o cumprimento das novas medidas sanitarias. Tras a reunión, pediron tamén "responsabilidade" á cidadanía.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuníronse este mércores con representantes do sector da hostalaría para explicarlles as ferramentas de difusión do aforamento e control de accesos dispoñibles de cara á reapertura dos establecementos, que comezará en case toda Galicia o venres.

No caso do aforamento máximo, o cartel informativo estará dispoñible para descarga na plataforma Turespazo, destinada á xestión dixital de todos os procedementos co sector. Este cartel incluirá a capacidade máxima no exterior e interior do local e a porcentaxe de uso e aforamento permitido segundo a normativa vixente.

Así mesmo, tamén estará dispoñible o código QR do establecemento, co que os clientes poderán acreditar a súa presenza mediante a aplicación Passcovid. Deste xeito, a súa localización será máis fácil no caso de estar en contacto cun positivo nun local de hostalaría. Alfonso Rueda aclarou que, aínda que o seu uso non é obrigatorio, é necesaria a colaboración do sector e das administracións para estendelo o máximo posible en beneficio da saúde da cidadanía.

A conselleira de Emprego, pola súa banda, referendou o compromiso do Goberno galego cos negocios máis afectados pola pandemia. Así, lembrou que o II Plan de rescate xa está convocado na súa integridade e autónomos e microempresas dispoñen de prazo ata o 18 de marzo para cursar as súas solicitudes. Pola súa banda, os empresarios de establecementos de hostalaría e outras actividades que tiveron que pechar o pasado mes de xaneiro poden cursar as súas peticións ata o 23 de marzo.

Fotos Xunta /Vicepresidencia Primeira Sanidade Emprego /Videoconferencia Con Representantes De Asociacións De Empresarios De Hostalería E Restauración.. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta /Vicepresidencia Primeira Sanidade Emprego /Videoconferencia Con Representantes De Asociacións De Empresarios De Hostalería E Restauración.. Xunta de Galicia / Europa Press

CONTROIS E VIXILANCIA

A Delegación do Goberno, a Xunta e os concellos acordaron impulsar a coordinación de face aos controis para o cumprimento das novas medidas sanitarias acordadas pola Administración autonómica para frear os casos de Covid. Tras a reunión, pediron tamén "responsabilidade" á cidadanía no proceso de desescalada.

Ao encontro, con presenza de representantes da Garda Civil e a Policía Nacional, asistiron, por videconferencia, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, así como o delegado do Goberno, Javier Losada, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela.

O delegado do Goberno reiterou  "a vontade de seguir colaborando con lealdade e firmeza no proceso de desescalada das medidas que comeza este venres". Así, trasladou aos responsables autonómicos "a máxima colaboración e apoio", aínda que pediu tamén á Xunta "medidas claras e concretas".

"O obxectivo, que ata agora se mantiña fundamentalmente en controlar a mobilidade e os peches perimetrais, vaise centrar no control do cumprimento das normas na hostalaría", detallou. Por iso, pediu "o compromiso de responsabilidade dos usuarios da hostalaría e do sector".

PROPOSTAS DOS CONCELLOS

Mentres, desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) achegáronse as súas propostas para "mellorar" o plan de seguridade na hostalaría proposto pola Xunta, segundo informa. O seu presidente, Alberto Varela, garantiu o compromiso dos concellos de achegar todos os seus medios, aínda que apelou á necesidade de concretar máis os mecanismos de coordinación e apoio ás policías locais dos concellos galegos.

Entre as suxestións trasladadas, están incluír diversas modalidades de actuacións que, segundo os medios dispoñibles en cada localidade, o grao de incumprimento e as particularidades de cada concello, se desenvolvan periodicamente con intervencións por sorpresa.

Como as demais administracións, o presidente da Fegamp insistiu en que as posturas das msimas están "moi claras". "E toda a cidadanía debe ter claro que os concellos empregarán todos os recursos posibles para lograr unha desescalada o máis segura posible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta