'Galegas 8M' mantén as mobilizacións

Censura que se pretenda culpabilizar ás mulleres por reclamar os seus dereitos publicamente.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/02/2021 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

A plataforma Galegas 8M' censurou que se pretenda culpabilizar as mulleres por reclamar os seus dereitos publicamente e decidiu manter as mobilizacións previstas en Galicia para o próximo 8 de marzo, que estarán adaptadas ao contexto actual da covid-19.

Daniela Ferrández durante o 8M.
Daniela Ferrández durante o 8M.

O colectivo refírese ás declaracións da ministra de Sanidade, Carolina Darias, nas que aseguraba que "non hai lugar" ás manifestacións polo Día Internacional da Muller nunha situación de pandemia e facía un chamamento á "responsabilidade".

"Entendemos que as declaracións fan alusión a unhas posibles mobilizacións alleas á nosa realidade, xa que a referencia directa é a cidade de Madrid", sinalan.

Neste sentido, matizan que a plataforma programa un 8 de marzo "en calve galega" e solicitan que se lles afaste desas declaracións para romper "co centralismo estatal".

Por todo iso, aclaran que as convocatorias en Galicia seguirán a súa organización "con normalidade" e moitas destas, entre elas as das grandes cidades, foron comunicadas ás subdelegacións do Goberno sen recibir resposta contraria á súa celebración.

Así mesmo e para garantir a seguridade de todas as participantes, a plataforma lembra que as protestas serán en columnas e respectando un protocolo de distancia de seguridade, máscara obrigatoria e non acudir ante o menor síntoma.

'Galegas 8M' lembra que as mulleres traballaron "en primeira liña contra o coronavirus" e recibiron "o enorme impacto da pandemia", polo que considera "máis necesario que nunca ocupar o espazo público" e "facer visible o invisible" para "reivindicar os coidados no centro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta