Pablo Arangüena: "Se fora pola Xunta de Feijóo, Meirás seguiría en mans dos Franco"

Pide ás administracións que esgoten "todas as posibilidades" para non indemnizar ao Franco polo pazo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2021 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, solicitou a todas as partes personadas no proceso para a recuperación do Pazo de Meirás, entre elas o Estado e a Xunta, que esgoten "todas as posibilidades xurídicas" para non ter que indemnizar aos herdeiros de Francisco Franco polo uso do inmoble e a súa conservación desde 1975.

E é que, aínda que os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación xa anunciaron a intención de recorrer a sentenza da Audiencia Provincial que fixaba esta indemnización, nin a Avogacía do Estado nin a Administración autonómica mostraron, por agora, disposición a facelo.

Así, nunha rolda de prensa celebrada este venres, o tamén viceportavoz dos socialistas no Parlamento galego informou do rexistro dunha proposición non de lei (PNL) co obxectivo de reclamar que as institucións esgoten "todas as posibilidades xurídicas" para non ter que pagar á familia do ditador: "Aínda que o recurso sexa difícil e non sexa admitido polo Tribunal Supremo, se hai unha mínima posibilidade de tentalo, hai que tentalo".

Iso si, Arangüena deu por sentado que os Franco recorrerán o fallo da Audiencia Provincial e que "desde logo a Avogacía do Estado --como parte principal-- vaise a opor". Esta postura dos socialistas aseméllase á do BNG, cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, cualificaba este xoves a sentenza e a decisión de non recorrer de "labazada á memoria democrática e ás vítimas do franquismo". Por iso, os nacionalistas tamén insisten en que a Xunta e o Goberno central corrixan a súa decisión.

UN PROCESO DE "ÉXITO"

Neste contexto, Arangüena reivindicou o "éxito" do proceso "histórico" iniciado por parte da Avogacía do Estado --ao que se engadiron o resto de administracións, entre elas a Xunta-- nun xulgado de instrución da Coruña e que terminou por confirmar que a titularidade do Pazo é do Estado.

Isto foi posible, ao seu xuízo, grazas ao "compromiso" e á "firme vontade política dun Goberno progresista", xa que, se fora "pola Xunta" de Alberto Núñez Feijóo, Meirás "seguiría en mans dos Franco".

"En 11 anos de goberno, Feijóo o único que fixo espontaneamente foi chegar a un acordo coa Fundación Franco para que abrise o Pazo catro días ao mes", explicou o dirixente socialista, quen non obviou que o inmoble foi declarado ben de interese cultural (BIC) polo Goberno bipartito de Emilio Pérez Touriño en 2008.

O viceportavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena, en rolda de prensa.
O viceportavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena, en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 García de Podente

Se fora polo PsoE de Felipe González, Alfonso Guerra, Antonio Carmona, Joaquín Leguina, Nicolás Redondo, Manuel Chaves, Susana Díaz, Fernández Vara, García Page, Francisco Vázquez e de Abel Caballero tamén seguiu e seguiría en mans dos Franco, como seguiu o franquismo controlando os aparatos do Estado e subvencionando a Fundación Francisco Franco. E se fora polo PsoE de Pedro Sánchez e de Carmen Calvo, pagámoslles o tempo que os Franco botaron de ocupas nunha propiedade allea e aínda temos que estar agradecidos dos presumidos do PsoE.