Jácome nega ter prometido un posto na Deputación a unha concelleira e rexeita dimitir

PSOE e BNG censuran a actitude do rexedor e os "indignos ataques" contra os medios.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 02/03/2021 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

O rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, negou ter relación coa polémica chamada dun asesor da alcaldía, Félix Álvarez, na que ofrece un posto na Deputación provincial a unha das edís críticas, María Dibuja, a cambio da súa acta no Concello.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Europa Press.

Nesta conversa, publicada polo diario La Región, o asesor e curmá do propio alcalde asegura que o fai 'obrigado' polo rexedor, que pola súa banda rexeita calquera responsabilidade e négase a dimitir. "Son conversas de terceiros, non hai evidencias miñas, falen con terceiros", sentenciou este martes.

"Parece isto a película de Casabranca. Onte saía María Dibuja dicindo na Cadena SER 'a ver que ten Jácome que dicir mañá sobre isto' --a chamada telefónica--. Como que sobre isto?, a rolda de prensa xa estaba convocada, a ver se se cre que marca ela a axenda política... É como Casabranca cando lle din a Rick 'Desprézasme, verdade?' e responde 'se pensase en ti talvez'", expresou o alcalde.

O PSOE pediu a súa dimisión despois de que o xornal La Región anunciase o luns que levaría o audio da chamada ante a Fiscalía por se supuña algún tipo de delito. Esta mesma semana pasou tamén por Fiscalía unha denuncia anónima sobre o tráfico na zona vella da cidade e pola baixada dos bolardos que o regulaban.

"É coma se eu denuncio a Feijóo en Fiscalía ou a Caballero, tanto dá o tío como o sobriño, terían que dimitir por esa regra de tres. Non ten sentido", ironizou Jácome.

"O mesmo pasa con esa conversa", considerou Jácome, para tachar de "surrealista" que alguén pida a súa dimisión por unhas gravacións nas que non sae nin "teñen nada onde apareza".

"E aínda que así fose non sería nada ilegal", engadiu, posto que non sería "chantaxe nin mercadeo de postos", senón "negociación política" que "o fan todos".

A pesar de que na conversa telefónica non se menciona que persoa ocuparía o posto, Gonzalo Pérez Jácome sinalou a Dibuja, e mencionou unha reunión "con Ojea" --tenente alcalde-- na que ela solicitou "que se puxese ao seu fillo no posto".

O rexedor negou calquera tipo de relación coa conversa insistindo en que "o que pasa entre terceiros se lle pregunta a eles".

"Dannos unha foto dun DNI e é o nome do fillo, hai que ter desvergoña. Creo que ten 29 anos e acabou a carreira de Dereito o ano pasado. Sen ningunha experiencia laboral e queres situalo nun posto de traballo de 3.000 euros brutos, 2.200 ao mes. Vaia luxo", engadiu.

Con isto pasou a cuestionar a realidade da chamada asegurando que pode ser "propiamente montada por ela ou mesmo totalmente simulada", aínda que mostrou as súas dúbidas de que o seu asesor participase na suposta montaxe.

OPOSICIÓN

Ante estes feitos, o PSOE e o BNG censuraron os comentarios do alcalde e solicitaron unha resposta do Partido Popular para "pór fin á situación".

Os socialistas criticaron os "indignos ataques" contra varios xornalistas e manifestaron o seu apoio aos medios. "Esta situación insólita causada por manifestacións impropias dun alcalde e de calquera con sentido da educación, deben recibir un rexeitamento contundente de calquera demócrata".

Así pois, solicitaron que o PP municipal "deixe de sustentar e amparar, inmediatamente un alcalde que acosa os medios" e sostiveron que "está na súa man parar esta desfeita"

Nesta liña, o BNG lamentou o "cúmulo de despropósitos e surrealismo" de Jácome que, no canto de aclarar os feitos, "dedicouse, como é costume, a difamar, insultar e desviar a atención con argumentos peregrinos e coma se houbese unha conspiración".

Do mesmo xeito que o PSOE lamentaron que os medios de comunicación "teñan que soportar os continuos ataques e faltas de respecto", condenando esa actitude e instaron o PP a "que aclare" se "as explicacións" son da súa "enteira satisfacción" e seguen mantendo o apoio ao rexedor ou "pon fin a este esperpento permitindo un goberno alternativo dunha vez por todas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta