É a “lingua covid” un novo síntoma da enfermidade? Algúns científicos cuestionan o anuncio e piden “precaución”

Expertos galegos e brasileiros poñen en dúbida as conclusións dun estudo realizado polo Servicio Madrileño de Salud. Investigadores de Reino Unido e Estados Unidos tamén cuestionan as conclusións doutra investigación nas iillas británicas e as da española, e piden máis estudos.

Por Alberto Quian | Madrid | 04/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Comunidad de Madrid anunciaba o pasado 26 de xaneiro os resultados dun estudo “pioneiro a nivel mundial” –destacou o Goberno madrileño– sobre a covid-19: investigadores do Hospital Universitario La Paz e de Atención Primaria do Servicio Madrileño de Salud (SERMAS) identificaran un novo síntoma da enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2. Foi bautizado como “lingua covid”, tras detectar alteracións neste órgano muscular en 78 enfermos de 666 casos analizados (25,65%), ingresados entre o 10 e o 25 de abril de 2020 no hospital de campaña de Ifema na capital de España.

'Lingua covid'
'Lingua covid' | Fonte: Nuño González et al. (2021), Prevalence of mucocutaneous manifestations in 666 patients with COVID‐19 in a field hospital in Spain: oral and palmoplantar findings. Br J Dermatol, 184: 184-185.

A chamada “lingua covid” consiste nun “aumento do tamaño deste órgano e outras lesións linguais, como unha depapilación en parches, é dicir, zonas da lingua máis lisas e que se asocian en moitas ocasións á perda do gusto”, informou a Comunidad de Madrid.

A "lingua covid" foi descrita como unha lingua agrandada, que semella inchada, con fendeduras e que pode estar depapilada

Os investigadores españois descríbena como unha lingua agrandada, que semella inchada, na que se observan marcas dos dentes, e tamén pode estar depapilada. Ao observala, vese con manchas rosáceas.

En concreto, 78 dos 666 enfermos (25,65 %) presentaron alteracións na mucosa oral. A máis frecuente foi a papilite lingual transitoria anterior en forma de U (11,5 %), asociada ou edema lingual (6,6 %); estomatite aftosa (6,9 %), mucosite (3,9 %), glosite con depapilación en parches (3,9 %); boca urente (5,3 %); lingua saburral (1,6 %); e enantema (0,5 %). A maioría mostrou alteracións no gusto.

Consulta dentista. EUROPA PRESS
Consulta dentista. EUROPA PRESS | Fonte: UGR - Arquivo

A nova correu como a pólvora en medios españois, xeralistas e especializados, pero o seu impacto foi limitadísimo en medios estranxeiros.

Arredor desa data, algúns medios españois e un puñado de estranxeiros fixéronse tamén eco doutro achado, esta vez anunciado polo epidemiólogo británico Tim Spector, profesor de epidemioloxía xenética no King's College de Londres, quen adiantaba a identificación dun novo síntoma da covid-19 ao que tamén chamaron “lingua covid”.

No caso británico, Spector describiu a “lingua covid” como unhas estrañas erupcións cutáneas neste órgano. O científico británico identificouna coa coñecida como “lingua xeográfica”, xa que “parece un mapa do mundo pola forma en que ten algunhas partes que se elevan e outras que se baixan”.

"MOITA PRECAUCIÓN"

O caso é que á par que a “lingua covid” era recentemente introducida no vocabulario popular da pandemia, nos circuítos científicos algúns expertos en saúde bucodental empezaron a cuestionar eses resultados.

Científicos das universidades de Santiago de Compostela e Sao Paulo poñen en dúbida o estudo realizado en Madrid e lembran que se trata de “resultados preliminares” que hai que tomar “con moita precaución”, ante o “grande impacto social” do estudo pola súa difusión nos principais medios españois.

“No contexto dunha pandemia causada por un virus aínda pouco coñecido, é meritorio o intento de identificar as características clínicas que poden estar relacionadas con esta infección por virus. Porén, debemos tomar estas conclusións preliminares con moita precaución”, introducen os investigadores galegos e brasileiros.

Algúns dos achados no Ifema “son moi comúns na poboación en xeral e dificilmente poden ser unha manifestación dunha enfermidade específica”

Entre outros problemas do estudo, botan en falla unha “análise estatística” que permita establecer causalidades, e non só correlacións, que permitan chegar a conclusións máis robustas. O estudo, engaden, “non ten información sobre que proba se usou”.

Tamén subliñan que algúns dos “achados orais” na investigación no hospital de campaña do Ifema “son moi comúns na poboación en xeral e dificilmente poden ser unha manifestación dunha enfermidade específica”. Refírense, concretamente, á papilite lingual transitoria, glosite con fendiduras laterais, estomatite aftosa, e a glosite con depapilación irregular.

“A excepción”, sinalan “é a ‘mucosite’, que, aínda que se pode considerar un termo xenérico (inflamación da mucosa), utilizouse nos últimos anos para tratar lesións relacionadas coa quimioterapia e o transplante de células nai hematopoiéticas”.

Sobre as principais características da chamada “lingua covid-19” descritas no estudo, na súa opinión, “estas afirmacións, tendo en conta o tipo de estudo realizado, é dicir, clínico transversal, sen seguimento e sen avaliación patolóxica, implican un grave nesgo de diagnóstico”.

“Noutras palabras, falta información previa ao diagnóstico e a padecer a covid-19, xa que a lingua fisurada é unha variante non patolóxica e anatómica da normalidade e ás veces asociada a pacientes con ansiedade ou bruxismo, en ambos os casos moi prevalente”, argúen.

A lingua fisurada é un termo para describir a lingua cando presenta fendas ao longo dos bordos laterais, como resultado da presión dos dentes sobre esta.

Por outro lado, enténdese como variante da normalidade aquelas estruturas que, aínda non sendo normais, preséntanse cunha frecuencia relativamente elevada entre a poboación, carecendo de significado patolóxico.

Os expertos das universidades de Santiago de Compostela e Sao Paulo piden “unha avaliación coidadosa deste posible síntoma"

En relación á depapilación irregular, tamén coñecida como lingua xeográfica ou glosite migratoria benigna, estes científicos recordan que se trata dalgo “moi común, considerado por algúns autores case como estrutural e certamente non asociado a infeccións virais”.

Lembran tamén que “as atrofias, erosións, úlceras e bochas son manifestacións comúns e comprobadas noutros virus que poden aparecer en situacións de enfermidade xeral ou inmunidade deteriorada”.

En calquera caso, estas “manifestacións inespecíficas”, que “probablemente” se produciron “antes da infección por SARS-CoV-2” dos pacientes analizados no estudo madrileño, “deberían ser verificadas mediante exame histopatolóxico, para poder avaliar con precisión esta posible nova entidade coñecida como lingua covid-19”, argúen os expertos galegos e brasileiros, que recordan que “durante a evolución da covid-19 hai outros factores a ter en conta, como o uso de medicamentos e xerostomía [síndrome da boca seca], que poden estar máis relacionados coa aparición destas alteracións linguais que polo propio virus SARS-CoV-2”.

Esa hipótese non é descartada polos investigadores madrileños, que recoñecen que algúns medicamentos ou a ventilación con osíxeno, que seca a boca e pode irritar a lingua, poderían explicar algúns dos síntomas descritos no seu estudo. Con todo, defenden que a lingua depapilada é un síntoma claro da covid-19.

Por todo isto, os expertos das universidades de Santiago de Compostela e Sao Paulo piden á comunidade científica, mediante unha carta ao editor da revista Oral Diseases, “unha avaliación coidadosa deste posible síntoma para evitar atrancos diagnósticos e sospeitas infrutuosas por parte de pacientes e profesionais con pouca experiencia en medicina oral”.

MÁIS DÚBIDAS

O seu non é o único chamamento á prudencia sobre eses resultados e a chamada “lingua covid”.

Noutra carta, esta publicada na revista científica British Dental Journal, o especialista en saúde bucodental Russell Wayne Hathway, do Hospital Universitario de Bristol (Reino Unido), cuestiona tamén a posible asociación entre a lingua xeográfica a infección por SARS-CoV-2, acuñada como “lingua covid”.

"A lingua xeográfica non é un achado clínico inusitado na medicina oral”, cunha “incidencia entre adultos que rolda entre 1-2 %”, pero que se observa “en todas as idades”

En concreto, pon en dúbida o estudo realizado no seu país, que, como lembra, se fixo mediante a aplicación móbil ZOE COVID-19, para que os cidadáns informen de posibles síntomas relacionados coa covid-19, e que foi impulsada polo científico Tim Spector para o proxecto de investigación ‘COVID Symptom Study’, desenvolvido nas illas británicas.

A coñecida como “lingua xeográfica”, recorda Hathway, “non é un achado clínico inusitado na medicina oral”, cunha “incidencia entre adultos que rolda entre 1-2 %”, pero que se observa “en todas as idades”, detalla.

Ao igual que os seus colegas galegos e brasileiros, Hathway apunta ao impacto que tiveron eses estudos nalgúns medios de comunicación, podendo animar a que a “lingua covid” sexa incorporada á lista de síntomas da covid-19 verificados pola comunidade científica; algo ao que Hathway se opón, xa que “o seu valor diagnóstico segue sendo descoñecido e debe tratarse con precaución”.

Na súa opinión, este sachados poden non ter nada que ver coa infección polo SARS-CoV-2, senón probablemente cunha “lingua xeográfica preexistente” nos suxeitos do estudo.

“Non obstante, como profesionais odontolóxicos, tamén debemos ser receptivos a estes desenvolvementos. Se unha lingua xeográfica é de aparición recente, podería significar covid-19? Posiblemente”, recoñece o especialista británico, quen considera que “é necesaria máis investigación” para aceptar a existencia da “lingua covid” e incluíla na lista de síntomas da enfermidade causada polo novo coronavirus, como, critica, fixeron algúns medios de comunicación, “xerando certa preocupación entre os nosos pacientes”, conclúe.

MÁIS INVESTIGACIÓN

Ao igual que estes expertos, a Asociación Dental Americana, a Academia Americana de Patoloxía Oral e Maxilofacial e a Academia Americana de Periodontoloxía pediron máis investigacións sobre posibles relacións entre a covid-19 e a saúde bucodental, ante os resultados acadados polos investigadores madrileños e británicos.

A Academia Americana de Patoloxía Oral e Maxilofacial advertiu tamén de que as condicións da lingua descritas neses estudos son moi comúns e poden non estar relacionadas coa enfermidade que causa o coronavirus.

As tres organizacións dentais animan os pacientes que poidan estar preocupados pola súa saúde bucodental a que consulten a un dentista para unha avaliación e, se fose necesario, a un especialista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta