Por Galicia Confidencial | O Valadouro | 25/08/2013 | Actualizada ás 18:15
Un ano máis, e xa van once, a Orde das Damas e Cabaleiros do Mariscal Pardo de Cela celebrou unha homenaxe en honor a quen é considerado un dos grandes e últimos nobres galegos da Edade Media e que foi axustizado por orde dos Reis Católicos.
Capas, medallón e pergamiño son o premio que arma cabaleiro e dama, nunha cerimonia na que se rende homenaxe, á vella usanza, "a un home, fiel ás súas conviccións, e á súa dama, filla dos Condes de Lemos, que lembran as disputas entre o poder da Igrexa e o civil", apuntan os organizadores.
Desde hai 11 anos, un grupo de mariñáns, reúnense nas terras do Valadouro, coa sombra do Castelo que o mariscal construíu nun Castro que hoxe está no Concello de Alfoz.
Época de guerras
A Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneyra tocoulle vivir nnunha época na que casteláns e galegos loitaban pola sucesión do poder político de Galicia. Por unha banda, os galegos recoñecían como reina a Juana A Beltranexa e polo outro, os casteláns defendían o reinado dos Reis Católicos, que procederon á anexión do Reino de Galicia. Pardo de Cela declarouse fiel ao Reino de Galicia e rebelouse contra a submisión aos Reis Católicos. Prodúcese entón o envío dun novo exército formado polas tropas de Acuña e Chinchilla, dando comezo a unha loita entre galegos e casteláns que durou uns 3 anos. Comezaba o que se deu en chamar como "a doma e castración do Reino de Galicia".
O mariscal Acuña subornou a uns vasalos de Pardo de Cela que lle abriron as portas da Frouxeira. O mariscal é condenado a morte. A súa dona, curmán da raíña Isabel consigue o perdón para el pero os homes do bispo de Mondoñedo entreteñena na ponte da pasaxe mentres o seu home é axustizado diante da catedral de Mondoñedo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.