Por Galicia Confidencial | Carnota | 01/09/2013 | Actualizada ás 11:00
O BNG de Carnota acaba de publicar o seu boletín interno, A Moa, que adica, en exclusiva, as súas cinco páxinas a explicar a situación financiera na que se atopa o concello.
Precisamente, os nacionalistas explican que o despido de seis traballadores municipais ten a súa orixe nas "débedas herdadas" do anterior goberno local do PP.
"O novo goberno de Carnota liderado por Moncho Noceda negouse a actuar do mesmo xeito e empeñouse literalmente en facer o imposible por afrontar todas estas débedas herdadas, en especial aquelas que poñían en risco o sustento de moitos pequenos comerciantes e empresarios do municipio", apunta o BNG no seu boletín en alusión ao pago das facturas aos seus proveedores.
Pago de facturas
De feito, os nacionalistas din que había casos de empresarios locais que levaban agardando polo pago de facturas desde hai 20 anos e había outras que "nin tan sequera estaban reflectidas na contabilidade oficial do concello", e que suman máis de tres millóns de euros.
O BNG tamén sinala que o seu endebedamente debeuse, en parte, á multitude de obras realizadas que non se pagaron. "Malia o esforzo realizado no pago de facturas, aínda son moitas as que seguen pendentes, ás que se unen agora as xeradas neste mandato e que aínda non se puideron abonar para atender prioritariamente as obrigas de anteriores executivos", apunta.
Débedas
En total, Carnota aínda adebeda 3,67 millóns de euros, dos cales case tres millóns veñen de anteriores etapas e 678.021 xeráronse na etapa do actual rexedor.
Ante esta situación, o goberno do BNG decidiu prescindir de seis dos seus 66 traballadores. Unha decisión que lle comunicou ao Comité de Empresa o pasado 20 de agosto. Os traballadores despedidos cobrarán 20 días por ano traballado e terán unha licenza retribuída de 15 días para poderen buscar traballo.
Con esta medida, o goberno local, segundo di o BNG, agarda aforrar no 2013 un total de 195.722,90 euros xa que, de media, cada traballador despedido tiña un custo anual de 32.660 euros e mensual de 2.330 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.