“Non seremos terra de sacrificio”: o movemento veciñal érguese ante o parque eólico do Seixo

Este parque eólico prevé "a instalación de 16 aeroxeradores de ata 200 metros de altura".

Por Claudia Varela Lourido | A CORUÑA | 01/08/2025 | Actualizada ás 22:16

Comparte esta noticia

Veciños procedentes dos concellos de Carral, Abegondo, Cerceda e A Laracha alzaron a voz ante a instalación dun novo parque eólico que afectará a núcleos de poboación esencialmente agrícolas e gandeiros, así como a vivendas habitadas situadas a escasos 500 metros dos aeroxeradores.

Reunión informativa sobre o parque eólico do Seixo celebrada o pasado 23 de xullo
Reunión informativa sobre o parque eólico do Seixo celebrada o pasado 23 de xullo | Fonte: Claudia Varela Lourido

O parque eólico Seixo, promovido por Mowe Energía I, prevé "a instalación de 16 aeroxeradores de ata 200 metros de altura", segundo apuntan desde a asociación Salvemos o Bal de Barcia e o Monte Xalo. Desde esta entidade levan anos loitando para informar á cidadanía sobre o grave impacto do parque na "saúde, na paisaxe, na biodiversidade, na economía local e no benestar dos residentes".

Desde hai algúns meses, froito da incerteza, desinformación e dúbidas que foron xurdindo arredor da implantación deste parque eólico, nesta asociación —formada por veciñas afectadas directa ou indirectamente por este e outros proxectos de raíz similar— aportan asesoramento xurídico e social a aqueles veciños que non saben como proceder para presentar alegacións ante este proxecto.

As consecuencias da implantación deste parque eólico para moitas persoas son directas, afectando de maneira clara á saúde pública e ás propiedades cercanas. Deste xeito, ocasiónase unha depreciación do seu valor económico. Segundo expertos inmobiliarios, a perda de valor pode superar o 30% cando se instalan turbinas a curta distancia. Os aeroxeradores proxectados, a maiores, "xerarían emisións constantes de ruído, vibracións e impacto visual". O certo é que desde o propio proxecto recoñecen que os límites de ruído permitidos na actual normativa de ruído son superados ata en 40 núcleos de poboación. Na declaración de impacto ambiental declaran que non van corrixilo ata pasado un ano da posta en marcha do parque. Desde a asociación Salvemos o Bal de Barcia e o Monte Xalo denuncian "a súa falta total de interese cara a saúde dos veciños afectados".

PRODUCIÓN CON ENERXÍAS RENOVABLES

A produción con enerxías renovables, segundo un estudo de Red Eléctrica, aumentou un 8% durante o ano 2024. Neste ano, o 43,9% da electricidade producida en Galicia foi hidráulica, seguida pola eólica (38,4%), o ciclo combinado (9,2%) e a coxeración, responsable do 5,4% do total. "Queremos enerxías renovables, pero non a calquera prezo. Este modelo impón un parque industrial nun entorno rural, cerca das nosas casas, sen escoitar aos veciños nin garantir a súa saúde nin o dereito a unha vivenda digna", destaca Jessica, secretaria da asociación. 

Cartel colocado no Concello de Carral
Cartel colocado no Concello de Carral | Fonte: Cedida pola Asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo

 

Unha vez máis, os intereses da cidadanía quedan no último chanzo da escaleira. Este proxecto eólico foi tramitado de forma fragmentada e con "escasa transparencia, sen avaliar adecuadamente o seu impacto acumulativo con outros parques eólicos xa proxectados na zona, como o das Encrobas, o parque Meirama ou o Parque San Bartolomeu, entre outros", tal e como afirman desde a asociación.

 

Por outra banda, tal e como apunta un informe do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a comunidade xa supera os obxectivos de produción de enerxías renovables de cara ao ano 2030. No ano 2005, a porcentaxe de electricidade procedente de fontes renovables ascendía a un 54,2%, mentres que no 2024 está situada nun 121,8%. "Galicia xa supera o obxectivo do PNIEC 2023-2030 para o ano 2030, que é do 87%", resaltan neste informe.

 

O TXUE DÁ A RAZÓN Á XUNTA NA EXPOSICIÓN DOS INFORMES DOS EÓLICOS

 

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) cualificou de "decepcionante" o fallo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que avala a tramitación da Xunta dos parques eólicos sen obrigar á exposición pública dos informes sectoriais. A entidade considera que esta interpretación "menoscaba o espírito da normativa europea" e limita o dereito á participación cidadá nun tema de gran impacto ambiental.

 

Con todo, Adega sostén que a decisión do TXUE non supón o levantamento automático das paralizacións cautelares de proxectos eólicos en Galicia, como afirma o sector. A organización lembra que moitas destas suspensións foron concedidas polo TSXG por outras causas, como as deficiencias nas avaliacións ambientais ou casos de posible fragmentación fraudulenta dos proxectos, cuestións sobre as que o tribunal europeo non se pronunciou.

 

A entidade ecoloxista transmite así unha mensaxe de tranquilidade aos colectivos que lograron medidas cautelares contra os parques eólicos e insiste en que continuará coa súa loita contra o "espolio ambiental" e a "invasión eólica" promovida, segundo denuncian, pola Xunta de Galicia. Acusan ao Goberno galego de favorecer un modelo de desenvolvemento baseado na desigualdade e alleo ao dereito da cidadanía a un medio ambiente saudable.

 

AFECTACIÓN CULTURAL E AMBIENTAL

 

Unha parte da afectación do parque eólico do Seixo é eminentemente cultural, xa que a localización do parque estaría ubicada a 446,4 metros do Camiño de Santiago, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e da Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo", un espazo natural protexido de gran valor ambiental. Polo tanto, a protección da paisaxe é moi relevante á hora de levar a cabo proxectos coma estes, xa que este parque eólico, concretamente, vulnera o principio de "Non regresión" en materia ambiental. "A vía histórico-cultural do Camiño de Santiago debe ser obxecto de protección integral (...), e as infraestruturas eléctricas son elementos artificiais alleos á paisaxe cultural da cal forma parte", sentencian desde a asociación. 

 

O patrimonio cultural non debe estar protexido de xeito individual, senón que a avaliación deste debe incluir a totalidade dos bens culturais que o integran. Numerosas entidades e asociacións levan anos incidindo na protección do Camiño de Santiago fronte á contaminación acústica e paisaxística, polo que a súa consideración debera ser de especial relevancia á hora de analizar o proxecto.

 

Nunha loita incansable contra o parque do Seixo, a maiores do impacto ambiental e cultural, atópanse os veciños, que sufrirán cambios irreparables na súa vida. María, Ramiro, Manolo ou Carmen son só algúns dos nomes que asisten a unha nova deturpación da súa terra, do seu medio de traballo e da súa vontade. Porque, como afirman desde a asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo: "Non seremos terra de sacrificio".

Gráfico da contribución das enerxías renovables na xeración de electricidade en Galicia (%)
Gráfico da contribución das enerxías renovables na xeración de electricidade en Galicia (%) | Fonte: INEGA
Imaxe dunha vista do parque eólico do Seixo
Imaxe dunha vista do parque eólico do Seixo | Fonte: Cedida pola Asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo
Imaxe dunha vista do parque eólico do Seixo
Imaxe dunha vista do parque eólico do Seixo | Fonte: Cedida pola Asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo
Imaxe dunha vista do parque eólico do Seixo
Imaxe dunha vista do parque eólico do Seixo | Fonte: Cedida pola Asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta