O PSdeG acusa o PP de concorrer "dopado" vinte anos ás eleccións, incluídas as primeiras de Feijóo

Os socialistas afirman que "hai probas suficientes".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/03/2021 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, asegurou que "hai probas suficientes" de que o PP galego concorreu "dopado" ás convocatorias electorais durante 20 anos, incluídas as "primeiras eleccións de Feijóo no ano 2009".

O vicesecratario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena
O vicesecratario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena | Fonte: PSdeG.

Arangüena criticou que o líder dos populares galegos "non dea nin a máis mínima explicación" cando "o que se sabe do caso Bárcenas comeza en Galicia e remata en Galicia".

"Tanto o ex-xerente do PP, Cristóbal Páez, como o propio Bárcenas, confirmaron que a última operación coñecida da caixa B do PP foi un pago en efectivo de 50.000 euros que procedía do PP de Pontevedra e que se repartiu en dous sobres, a Rajoy e a Dolores de Cospedal", sostivo o socialista.

Deste xeito, Arangüena sinalou que na documentación "figura unha relación de ingresos de empresas por importe de dous millóns de euros que era a contabilidade B do PP de Galicia cando Feijóo xa era presidente do partido". A pesar disto, censurou que, a día de hoxe, o Goberno de Feijóo "non deu nin a máis mínima explicación convicente destes temas".

"Pablo Crespo, exsecretario de Organización do PP de Galicia, recoñeceu que o PP de Galicia estaba totalmente implicado no financiamento ilegal do PP" e "asegurou que no PP de Galicia tamén houbo sobres", manifestou Arangüena.

O viceportavoz socialista sinalou que mesmo "na investigación do caso Kitchen fálase de documentos que probarían pagos en B en sedes do PP de Galicia, Valencia e Madrid", o que supón que Galicia "está situada ao mesmo nivel que eses dous centros de corrupción que foron feudos do PP de Valencia e de Madrid".

CONDENA DE LOUZÁN

Ademais, referiuse á condena do que foi presidente do PP de Pontevedra e da Deputación, Rafael Fernández Louzán, por prevaricación e fraude en relación a unhas obras nun campo de fútbol de Moraña. Louzán preside actualmente a Federación Galega de Fútbol.

"O señor Louzán manexa cada ano 400.000 euros de fondos públicos e está condenado por corrupción, pero a Xunta non fai nada disto cando ten ferramentas xurídicas máis que suficientes para actuar sobre os organismos directivos das federacións deportivas a través do Comité Galego de Xustiza Deportiva", aseverou.

Sobre esta cuestión, sinalou que a Xunta "mira cara outro lado" cando ten "os medios para forzar politicamente a saída de Louzán". Así, incidiu en que "non é unha coincidencia que o último pago da caixa B do PP saíse de Pontevedra e que quen era presidente do PP de Pontevedra nese momento sexa hoxe presidente da Federación Galega de Fútbol".

Ante todo iso, considerou "fundamental" que as administracións e persoas que exercen a política se comporten de forma "ética" e mostrou a súa preocupación polos "antecedentes de corrupción do PP de Galicia" e a implicación que estes poden ter na xestión dos fondos Next Genetarion.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta