O Comité Clínico da Xunta contradí a Feijóo e non recomenda usar as FFP2 en escolas e residencias

O propio presidente galego aconsellaba o seu uso como método máis eficaz para parar a transmisión da pandemia. A CIG denuncia á Xunta por non subministrar estas máscaras nos centros que xestiona.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/03/2021 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

A CIG vén de presentar denuncia contra a Xunta por non subministrar máscaras FFP2 ao persoal das escolas infantís e os centros de maiores a pesar de ser requirida pola autoridade laboral. Un tipo de máscaras que, curiosamente, recomendaba usar o presidente galego hai unhas semanas e que agora desaconsella o seu Comité Clínico neste tipo de centros.

Máscara ffp2
Máscara ffp2 | Fonte: EP

Este sindicato lembra que nas escolas infantís, centros de día e residencias de maiores dependentes da Consellaría de Política Social, as persoas usuarias non levan máscara (escolas infantís de cero a tres anos) ou non a levan en moitos momentos da xornada (persoas maiores dependentes, menores residentes ou incluso persoas con discapacidade ou diversidade funcional). Unha situación que xa denunciou en agosto "porque os nenos e as nenas non levan máscaras e, evidentemente, non se pode manter  a distancia de seguridade".

"Quen ten unha crianza ao seu coidado ten que darlle afecto, o que implica proximidade, hai que collelas no colo para consolalas, darlles de comer e cambialas; momentos estes nos que se expulsa gran cantidade de aerosois", indica nun comunicado. Unha situación que tamén se repite nas residencias de maiores.

A autoridade laboral, despois de realizar as dilixencias oportunas e requirir a protección respiratoria do persoal mediante as  máscaras FFP2, manifestou que a Administración galega xa lle comunicou a súa decisión de non proceder a subministrar estes EPI para as escolas infantís e os centros de maiores.

INFORME COMITÉ CLÍNICO

Para xustificar a sua negativa a protexer ao persoal deste risco laboral a consellería de Política Social e o Consorcio achegaron á inspección de traballo un informe do Comité Clínico no que indican que non é necesario usar máscaras FFP2 nestes servizos e, aínda así, segundo a CIG, a autoridade laboral, reitera no seu requirimento e resolve que teñen que subministrar estes EPIS aos cadros de persoal.

"Pero, quen é o comité clínico, do que apenas se sabe nada e é quen de indicar que non se precisa protección respiratoria para traballar con persoas usuarias sen máscara?  É o mesmo que lle indicou ao Señor Feijoo que esixira unha resposta do Ministro de Sanidad de que as máscaras FFP2 deberían etar indicadas na poboación xeral?", pregúntase. "Para máis,  a conselleira de Política Social, Fabiola García, nas súas visitas aos centros de traballo, preséntase usando as máscaras que non quere dar ao seu persoal", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta