Feijóo visita a que foi residencia integrada Porta do Camiño entre críticas "propaganda"

O presidente da Xunta visitou as instalacións coa conselleira de Política Social.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2021 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou este luns a residencia pública Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, da que reivindicou que se converteu "nun símbolo" da loita dos centros de maiores de Galicia contra a pandemia. Acompañado da conselleira de Política Social, Fabiola García, conversou cos usuarios e o persoal do centro, que lle contaron as súas vivencias durante estes meses e as suxestións para o futuro.

Non en balde, durante a primeira onda todos os seus residentes e traballadores trasladáronse a outro edificio para que as instalacións de Porta do Camiño puidesen reconverterse en residencia integrada. Alí, subliñou o Executivo autonómico, prestouse unha atención especializada aos usuarios que se contaxiaron en centros onde houbera algún brote.

Na residencia pública Porta do Camiño non se contaxiou ningún residente desde o inicio da pandemia. Este foi tamén o primeiro centro en ser inmunizado contra a covid-19, ao recibir a primeira dose o 27 de decembro e a segunda o 17 de xaneiro. Durante a súa visita, Feijóo coñeceu persoalmente á primeira vacinada de Galicia, a brionesa de 82 anos Neves Cabo.

CRÍTICAS DE CIG POR "PROPAGANDA"

Antes da visita, a sección sindical da CIG en Política Social remitiu un comunicado aos medios no que criticaba esta visita de Feijóo que, na súa opinión, pretendía ofrecer "unha imaxe falsa de boa xestión e seguridade" durante a pandemia.

A través dun comunicado, a organización instaba a cancelar unha visita que "non ten ningunha xustificación laboral ou de xestión de recursos" contra a covid-19, senón que simplemente é "un acto de propaganda que seguro se vai a realizar coa máxima cobertura de medios públicos ao servizo do PP sen mostrar a realidade" dos centros sociosanitarios.

Visita de Feijóo á residencia Porta do Camiño.. XUNTA DE GALICIA
Visita de Feijóo á residencia Porta do Camiño.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta