(Vídeo) Compostela rupestre amosa a súa riqueza arqueolóxica

O vídeo promocional destaca o interese dos máis de cincuenta xacementos que están contabilizados no territorio de Compostela Rupestre.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O Concello de Teo acolleu a primeira xuntanza do consello directivo de Compostela Rupestre na que, entre outras cousas, se estreou o vídeo documental sobre a riqueza arqueolóxica do territorio incluído e aprobouse o desenvolvemento da redacción do Plan Director para o que se están a iniciar os traballos. 

Xuntanza Compostela Rupestre no concello de Teo
Xuntanza Compostela Rupestre no concello de Teo | Fonte: Deputación da Coruña

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, xunto con representantes dos concellos de Ames, Santiago de Compostela, Brión, Teo e Val do Dubra participaron na xuntanza do consello directivo do parque que se desenvolveu por vez primeira no concello de Teo, que asume por un ano a presidencia da entidade.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo destacou na súa intervención que o proxecto inicia un novo tempo presidido polo concello de Teo, que dirixiu xa esta xuntanza achegando distintas propostas, que será fundamental para a súa definición e promoción.

AVANCE DESENVOLVIDO

Así, Regueira, quixo destacar o avance desenvolvido nos anos pasados co concello de Ames e o tenente alcalde, David Santomil, á fronte en "cuestións básicas como a imaxe corporativa, a elaboración do video, a contratación do plan director ou mesmo a implicación de distintos actores do territorio".

"Toca agora avanzar neste sentido e na difusión do tesouro que temos nas nosas mans para que a poboación coñeza o valor do noso patrimonio para o que é preciso deseñar unha estratexia de aproveitamento do investimento que estamos a realizar co fin de situar este territorio como destino de visitantes ao que se lle pode ofrecer un producto diversificado, con puntos de interese ademais dos Camiños e a Catedral", destacou Xosé Regueira.

VÍDEO PROMOCIONAL

Na xuntanza, presentouse o vídeo que promocionará o patrimonio rupestre do territorio do parque, un relato narrativo que enlaza a forza patrimonial cos catro elementos naturais e coa conexión coa súa longa historia.

O vídeo, que conta con versión en galego, castelán e inglés, destaca o interese dos máis de cento cincuenta xacementos que están contabilizados no territorio e Compostela Rupestre, un patrimonio que recoñece como "o Pórtico da Gloria da nosa prehistoria que continúa entusiasmando a moitísima xente".

O director do proxecto audiovisual, Aser Álvarez, de Arraianos Producións, destacou o interese do patrimonio rupestre promocionado que, segundo dixo, "conecta coas raíces, co que somos, e forma parte dun xeito de ser e estar que se deu na Europa Atlántica, cunha grande concentración no noso territorio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta