Por Europa Press / Redacción | Compostela | 22/03/2021 | Actualizada ás 14:08
A Cidade da Cultura achega á sociedade un valor equivalente a preto de 24 millóns de euros. É unha das conclusións dun estudo de contabilidade social elaborado en colaboración coa Deusto Business School, que busca trasladar a cifras a achega que realiza o complexo do Gaiás ao territorio e aos cidadáns da súa contorna. Unha cantidade que contrasta cos máis de 300 millóns que custou --e aínda segue custando-- este complexo da era Fraga.
A análise, pioneiro nunha institución como a Cidade da Cultura, parte da metodoloxía da chamada contabilidade social. Esta práctica traduce nunha contía económica o valor que achega unha entidade ou organización á sociedade a través do estudo de diferentes variables e indicadores, trasladados polos diferentes grupos e actores aos que se dirixe ou que están implicados dalgún modo na súa actividade.
Este tipo de cálculos permite coñecer o valor dunha organización no contexto e a contorna no que se establece, toda unha serie de variables que non se reflicten na contabilidade tradicional a pesar de que si achegan valora engadido á cidadanía.
O estudo analiza, concretamente, os datos e a actividade do complexo no ano 2019. Os traballos permitiron identificar aqueles principais colectivos aos que achega valor: o sector cultural, educativo, turístico, usuarios e visitantes, institucións, residentes, provedores de servizos, ou traballadores, entre outros.
Os analistas realizaron entrevistas a diferentes representantes destes colectivos para identificar os principais ámbitos e elementos de achega de valor, aos que se lles achega unha cifra e un indicador de aproximación que permite traducir a euros o peso destas diferentes variables.
XERACIÓN E ATRACCIÓN DE CONTIDOS
Entre elas, destacaron especialmente a xeración de coñecemento e divulgación da cultura, ademais da atracción da programación externa, que aglutinaron preto do 85 por cento deste valor trasladado á sociedade.
Outras variables foron a formación, a integración comunitaria e cohesión social, a oferta de lecer ou a achega reputacional e de imaxe do complexo. Deste xeito, tivéronse en conta cuestiones como o valor de acceder a unha programación única ou que unha organización puido contar cun espazo específico e singular para poder sacar adiante un evento que doutra maneira non sería posible, atribuíndolles unha cifra.
ESTUDO "PIONEIRO"
O acto de presentación contou coa presenza do e especialista José Luís Retolaza, o responsable de Estratexia da consultora LKS Next, Alfonso Etxanobe, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.