A Xunta anuncia unha OPE de 1.370 prazas de acceso libre, estabilización e promoción interna

CSIF e CIG censuran a "raquítica" proposta de prazas e a falta de negociación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2021 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

O Goberno galego trasladou aos sindicatos unha proposta de oferta pública de emprego na administración que ascende a 1.370 prazas entre aquelas de acceso libre e as destinadas á estabilización e á promoción interna do persoal.

A semana pasada deuse a coñecer o proxecto de orde da convocatoria, no que se incluían polo menos unhas 635 prazas pero que deixaba fóra a aquelas destinadas á estabilización dos traballadores e só se mencionaban as vinculadas á taxa de reposición por xubilacións, falecementos ou renuncias.

A proposta trasladada este luns aos sindicatos amplía a premisa inicial e contempla 1.006 prazas de acceso libre, entre novos efectivos e estabilizacións. Ademais reserva un total de 364 para promoción interna e para o proceso de funcionarización voluntaria pactado con CC.OO. e UGT, no marco do acordo de concertación para a mellora das condicións do emprego público.

Deste xeito, o borrador do decreto abarca 204 prazas reservadas para a promoción interna do persoal funcionario ás que poderán acceder aqueles empregados que contan con praza fixa e queren opositar para lograr un ascenso.

Outras 160 enmárcanse no citado proceso de funcionarización do persoal laboral fixo, destinadas a modificar o réxime xurídico do traballador (que pasará de empregado laboral fixo a funcionario da Administración).

Oposicións ao corpo superior da Xunta.. XUNTA
Oposicións ao corpo superior da Xunta.. XUNTA | Fonte: Europa Press

ACCESO LIBRE

Con todo, o groso da oferta concéntrase nas prazas de acceso libre, que superan o milleiro. O maior número concéntrase en auxiliares de clínica, con 138; axentes técnicos facultativos, con 101 na especialidade de xardín de infancia; ou 19 na escala de técnicos facultativos con especialidade en enfermaría, entre outros.

Doutra banda, inclúense 49 para enxeñeiros técnicos, 45 de enxeñeiros ou 35 para ciencias.

No ámbito administrativo, destacan 79 prazas para o corpo superior (A1), 81 para xestión (A2), 51 para C1 (administrativo), 61 para o corpo auxiliar (C2) e 47 para a agrupación profesional de persoal subalterno (AP).

FALTA DE NEGOCIACIÓN

O proceso recibiu críticas tanto do sindicato CIG como de CSIF. Desde esta organización, José Francisco Sanchez-Brunete lamentou a oferta "raquítica" impulsada polo Goberno galego e a falta de negociación, sobre todo tendo en conta o número de xubilacións e a posibilidade de convocar centos delas para promoción interna.

Desde CIG, Alexandre Prieto censurou que a Xunta se limita a "pasar o rodete" e a "cumprir co mínimo", convocando aos sindicatos para lerlle "os números. "Isto non é negociar", criticou, para reprochar que a Xunta convocou aos representantes dos traballadores sen ofrecerlles os anexos coas prazas desagregadas (remitiunos con posterioridade á reunión).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta