O Lugo racha a súa boa xeira

Primeira derrota dos albivermellos, que remataron con dez, no Anxo Carro. O Girona remontou na segunda metade e Dani Mallo foi o mellor dos locais.

Por gcdeportes | Lugo | 14/09/2013 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Lugo: Dani Mallo; De Coz, Pavón, Víctor Marco, Manu; Pita (Rafa García, 74), Seoane; Iván Pérez (Sandaza, 63’), Pablo Sánchez, Iago Díaz (Álvaro Peña, 82’); e Enzo Rennella.
Girona: Isaac Becerra; Iván López, Migue, Carles Mas, Juncà; Matamala, David Timor; Eloi (Pere Pons, 84'), Felipe Sanchón, Bordas (Jofre, 79’); e Adriá Carmona (Juanlu, 71’).
Goles: 1-0: Rennella (min.14). 1-1: Timor (min.56). 1-2: Felipe Sanchón, de penalti (min.85).
Árbitro: Figueroa Vázquez (andaluz). Expulsou a Álvaro Peña con vermella (min.85) e a Antonio Abad, delegado do Lugo (min. 90). Amosou o cartón amarelo a Timor (min.40), Junca (min.52) e Jofre (min.87), polo Girona, e a Sandaza (min.92), do Lugo.
Incidencias: quinta xornada da Liga Adelante no Anxo Carro diante duns 3.000 espectadores. Quique Setién non se sentou no banco e cumpriu o primeiro partido sancionado.

O conxunto albivermello non puido prolongar o estado de graza no que se atopaba tralos últimos resultados. Tívoo preto, canto menos no primeiro tempo, no que se adiantou no marcador grazas ó omnipresente Enzo Rennella, que volveu ver porta unha xornada máis. Pero unha accidentada segunda parte, na que rematou cun menos, condenou ós de Setién. Esta foi a primeira derrota dos lugueses como locais, erro nunha limpa traxectoria, provocado polos goles de Timor no 56 e de Felipe Sanchón, de penalti, no 86.

Era un encontro con moito en xogo. Non só se enfrontaban dous dos equipos máis en forma do campionato. Co Mirandés, líder ó comezo da xornada, a tiro de pedra, a primeira praza formulábase como o premio grande do día para cataláns e galegos. Ó final, nin uns nin outros, por culpa da derrota dos burgaleses fronte ó Recreativo por 0 a 3, que aupou ós onubenses á primeira praza da Liga Adiante.

O Girona non tivo un arranque doado. No quecemento sufriu a inesperada baixa de Chando, que tivo que ser substituido por Adrià Carmona. Iso non lles impediu sair coa forza agardada. Os primeiros intres do encontro foron un continuo tira e afrouxa que acabaría rompendo no minuto 14, no que Rennella aproveitou un erro do central Carles Mas para batir a Becerra. A ledicia do francoitaliano foi notoria. Era o seu terceiro tanto na Liga, algo que lle está a converter no centro de tódalas miradas, polo que non se descarta que o Betis tente repescar ó dianteiro no mercado de inverno.

Ó Girona custoulle volver coller confianza. Mais ós poucos fóronlle recortando territorio ó Lugo, que tentou afogar a saída de balón dos visitantes. Estes colleron as rendas do encontro ó filo do descanso, mais faltoulles tempo para ver portaría e irse co emñpate ó descanso.

Expulsión e sentencia

Setién optou por situar na portería a Dani Mallo, ex-xogador e ex-capitán do Girona. Fíxoo por varios motivos. Premiou o seu bo facer na Copa fronte ó Mirandés, no que se converteu no home do partido ó parar varios penaltis na definitiva quenda. Outra das razóns atopámola no seu pasado como xogador xerundense, algo que lle permitía ter ó Lugo capacidade de reacción fronte ás tentativas contrarias.

Amosouse seguro durante boa parte do encontro. No 49 deu boa conta do seu poder nas saídas ó desbaratar un tiro de Gerard Bordas, logo de que este se desmarcara de tal xeito que ficará só diante do meta galego. Mais a súa fortaleza veríase quebrada no 55, no que Timor logrou o empate para o Girona logo de executar maxistralmente unha falta. O erro no salto da barreira luguesa desconcertou ó gardamallas, que só puido ver como o disparo perforaba as súas redes.

Coa igualdade, os cataláns foron a por máis. No 62' Eloi tivo nas súas botas o segundo dos visitantes. O seu chut foi rexeitado por Mallo, que volvía erixirse no salvador dos seus. Becerra non se quedou atrás e no 78' botou abaixo unha dobre ocasión dos lugueses. Primeiro Sandaza, e logo De Coz, foron incapaces de batir ó gardarredes rival.

Nun partido tan igualado, o desenlace chegou do único xeito posible: de penalti. No 84 Peña cortou unha ocasión manifesta de gol, a xuizo do colexido, que non tivo máis remedio que expulsar ó xogador. A pena máxima foi aproveitada por Felipe Sanchón, cuxo disparo a piques estivo de ser repelido por Dani Mallo, quen adiviñou o lado polo que tirou o xogador xerundense.

Este golpe foi definitivo. Cun home menos, os de Lugo foron incapaces de acadar o empate. Con este triunfo, o Girona aúpase até a segunda praza grazas ós 10 puntos de 15 posibles que sumou nas cinco xornadas. Doutra banda, os lugueses dan un paso atrás e quedan con sete puntos, situados na sétima praza á espera dos seis partidos da xornada dominical. Os da cidade amurallada buscarán remontar o vo na vindeira xornada fronte ó Tenerife en territorio insular.

Crónica de Denís Iglesias (@Lvcensis)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta