GC Aberto

As axudas do Estado e as empresas “zombi”

Por admin | GCAberto | 30/03/2021

Comparte esta noticia

O Real Decreto-Lei 5/2021, do 12 de marzo, de “medidas extraordinarias de apoyo a la solvencia empresarial en respuesta a la pandemia de la COVID-19” que vén de publicar o Goberno do Estado, polo que se regulan as axudas ao tecido empresarial, pon o foco en excluír das axudas ás iniciativas que eles cualifican como “zombis”, é dicir, proxectos empresariais, supostamente, insolventes e sen futuro, fortemente endebedadas e que só poderían sobrevivir mediante axudas públicas. Eles entenden que canto antes desaparezan estas empresas, mellor para os mercados. Tamén o Banco de España está nesta liña de sanear o mercado. Non nego que haxa proxectos empresariais que se atopen nesta situación, mais no ámbito dos autónomos, pequenas e medianas empresas non han de ser moitas.

Unha persoa camiña por unha das rúas de Ribadavia o día da entrada en vigor de novas medidas e do peche perimetral do concello debido á crise do Covid-19, a 14 de novembro de 2020
Unha persoa camiña por unha das rúas de Ribadavia o día da entrada en vigor de novas medidas e do peche perimetral do concello debido á crise do Covid-19, a 14 de novembro de 2020 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo.

O citado Real Decreto tan só contempla axudas para as actividades empresariais que no ano 2020 sufriran unha baixa da facturación maior ao 30% respecto ao ano 2019 e sempre que nese 2019 non sufriran perdas. É dicir, calquera autónomo ou sociedade que no 2019 declarara un IRPF negativo ou o Imposto de Sociedades con perdas quedará fora das axudas. Son empresas “zombis” que deberán desaparecer canto antes. Pola contra, calquera actividade con baixada de facturación superior ao 30% pero con beneficios no ano 19 e 20 si se poderán acoller ás axudas. É curioso que acouten por abaixo pero non por enriba. Se quen tiveron perdas no 19 non poden acollerse, o lóxico sería que quenes teñen beneficios no 20, en plena pandemia, tampouco se puideran acoller. Parece que a lóxica do Estado é afundir os proxectos máis débiles e inxectar diñeiro aos fortes, aínda que realmente non o necesiten para sobrevivir. Por esta circunstancia miles de autónomos, pequenas e medianas empresas vanse enfrontar a un futuro negro.

O razoable sería que para valorar a viabilidade das empresas se observara a conta de resultados para os catro ou cinco últimos anos, e no caso de autónomos as declaracións do IRPF dos últimos anos. Ademais habería que observar outros parámetros, como por exemplo, si a empresa nos últimos exercicios mantivo ou incrementou a súa plantilla. É difícil entender que empresas “zombis” incrementen o cadro de persoal.

É absolutamente irracional e discriminatorio que se tomen como referencia unicamente datos do ano 2019. Unha empresa puido ter resultados negativos ese ano por motivos puntuais e diversos: baixa facturación puntual, acometida de obras de melloras , incremento do cadro de persoal, etc. pero non por iso ten que ser un proxecto non viable. O lóxico sería que se tomara como referente un horizonte de varios anos, tanto a efecto de determinar os resultados económicos como a efecto de calcular a caída da facturación no ano 2020. Neste sentido, canto maior fose a porcentaxe de caída na facturación maior debería ser a cuantía das axudas, sen impoñer un mínimo do 30%.

Por outra parte, que pasa coas empresas de nova creación que iniciaron actividades durante o ano 19 e que, normalmente, non teñen beneficios os primeiros anos? Pois, que quedan fóra das axudas. E as que se crearon no 2020?

O Goberno Central xunto cos Gobernos Autonómicos, que van xestionar estes fondos, aínda están a tempo de corrixir estas incoherencias, adecuar as concesións das axudas a criterios razoables e xustos e facer que cheguen ás empresas máis necesitadas.

Xesús Pena Espiña.

Empresario ligado a actividades do turismo, foi secretario da Federación Galega de Turismo Rural ( FEGATUR)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta