Santiago dispón de 2,5 millóns de euros para destinar a axudas, a metade do previsto

Inicialmente, o goberno local trasladara aos medios e os grupos da oposición que o concello dispuña de 5 millóns de euros procedentes dos remanentes ao presentar un balance positivo de case 11 millóns de euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2021 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela dispón finalmente de 2,5 millóns de euros procedentes dos remanentes de tesouraría para destinalos a axudas directas aos sectores afectados pola pandemia. Trátase da metade dos 5 millóns de euros que, inicialmente, anunciara o goberno compostelán que preside o rexedor socialista Xosé Sánchez Bugallo.

Nun comunicado emitido en resposta á denuncia efectuada horas antes polo grupo municipal de Compostela Aberta, o executivo local sinala que os cambios se deben ao resultado da liquidación definitiva das contas do ano 2019 efectuada o pasado 31 de marzo.

Delas, establécese un total de 9 millóns de euros de remanentes de tesouraría que, unha vez descontadas as cantidades comprometidas, reduciríanse a case 2,5 millóns de euros para destinar a axudas aos sectores afectados pola pandemia.

Inicialmente, o goberno local trasladara aos medios e os grupos da oposición que o concello dispuña de 5 millóns de euros procedentes dos remanentes ao presentar un balance positivo de case 11 millóns de euros.

O executivo que encabeza Bugallo sostén no seu comunicado que "nada máis coñecer as cifras" convocou unha xunta de portavoces para trasladar aos grupos a información e o informe de liquidación, ademais dunha "posible repartición" das axudas con prioridade aos sectores afectados. Esta proposta de repartición será abordada nunha nova reunión convocada para este xoves, da que o goberno santiagués espera que salga unha formulación definitiva para o seu traslado ao pleno local.

"Resulta evidente que é un risco repartir fondos dos que non se dispón, aínda que, como neste caso, exista unha previsión razoable, que, desgraciadamente, non se confirmou. Ninguén o lamenta máis que o propio goberno", incide o executivo de Bugallo, que engade que "está previsto que nas dúas convocatorias" de axudas pendentes de realizar este ano "supérense significativamente as axudas de 2020 e tamén os 3,5 millóns de euros".

COMPOSTELA ABERTA

Pola súa banda, Compostela Aberta cargou contra a "falta de seriedade e a improvisación" do goberno compostelán, ao que acusa de "incumprir" a "palabra dada" a "os sectores máis damnificados pola crise, aos que lles prometeu novas convocatorias de ayduas directas con 3,5 millóns de euros procedentes deses remanentes que agora non existen".

Así o subliñou a edil de CA María Rozas, que considera que a cifra dos 2,5 millóns de euros finalmente dispoñibles "pode ser aínda menor porque hai datos que non cadran", de modo que instan o executivo local a aclarar este apartado.

"É inconcibible que o alcalde negocie coa oposición e mesmo lle traslade ás asociacións de comerciantes e hostaleiros a dispoñibilidade duns recursos que finalmente non existen porque Bugallo se dedicou a facer as contas da vella" aseverou Rozas.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta