Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2021 | Actualizada ás 18:00
A Consellería de Sanidade reuniu esta semana ao Consello para a Innovación en Materia Sanitaria, que acordou crear un grupo de traballo específico para definir un modelo de xestión das técnicas de impresión 3D que se poidan aplicar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Segundo informa a Xunta a través dun comunicado, este órgano estará integrado por profesionais das áreas TIC, cirurxía, traumatoloxía, enfermaría, otorrinolaringoloxía e radiodiagnóstico, ademais de persoal investigador proposto por diferentes membros do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria. Neste encontro, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insistiu na necesidade de integrar a impresión 3D como unha técnica "xeneralizada" a disposición dos profesionais do Sergas.
Nesta liña, animou a que o grupo de traballo incorpore a experiencia de distintos proxectos desenvolvidos nas sete área sanitarias e nos nodos de innovación do Sergas de saúde para confeccionar un documento de liñas xerais sobre os usos destas técnicas. Así mesmo, o Consello para a Innovación en Materia Sanitaria tamén lle encomendou a este grupo o labor de preparar proxectos concretos, con obxectivos e socios "identificados" que sexan susceptibles de concorrer a convocatorias de fondos que lles permita captar financiamento.
Non en balde, García Comesaña tamén destacou que estas iniciativas poderán contribuír a "crear un ecosistema empresarial" relacionado coa tecnoloxía 3D en Galicia en colaboración con órganos como a Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.