Maiores “esquecidos” na vacinación: “miña nai ten 91 anos e aínda non sabemos cando lle toca”

Familias galegas denuncian que o Sergas segue sen dar datas para a inmunización de persoas que non se poden desprazar aos hospitais. Aseguran que os servizos sanitarios "nin sequera collen o teléfono": “é imposible contactar con eles”, apuntan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“A 13 de abril aquí hai unha persoa de 91 anos sen ningunha noticia da vacina”. Ana González fala sobre o proceso de vacinación da súa nai na primeira hora da tarde dun martes 13. A anciá que refire, de nome Salud, forma parte dos 17.000 galegos maiores por riba dos 80 anos que, xa no ecuador do mes de abril, seguen sen ter recibido a primeira dose da vacina.

En Galicia quedan 17.000 maiores de 80 anos por recibir a primeira dose, segundo o Goberno. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo
En Galicia quedan 17.000 maiores de 80 anos por recibir a primeira dose, segundo o Goberno. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo

 

O pasado día 4, o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o Servizo Galego de Saúde conseguiría vacinar --cando menos coa primeira dose-- a todos os maiores de 80 anos antes de que rematara o mes de abril. Sempre que a Unión Europea mantivera, claro, o ritmo de entrada de viais; unha circunstancia que parece poñerse difícil despois dos retraso anunciado por Janssen a raíz dos trombos detectados en Estados Unidos.

 

Polo momento, e aínda co contratempo de Janssen, a Xunta de Feijóo semella avanzar a ritmo suficiente como para completar esa primeira dose antes de chegar ao mes de maio. Os últimos datos do Ministerio de Sanidad indican que a comunidade galega xa inoculou a un 92’6% destes anciáns, quedando tan só uns 17.000 dos máis de 230.000 que fan o total --cifra que inclúe ás persoas que declinaron recibir o preparado--,

 

SEN NOTICIAS DO SERGAS

 

Pero non en todas as familias manda a calma no que aos seus maiores respecta. Nas últimas xornadas veñen de emerxer críticas á xestión que o Sergas estaría a facer da vacinación dos maiores en réxime de atención domiciliaria; é dicir, aquelas persoas que, polas súas dificultades de mobilidade, son atendidas directamente nas casas. Ante a imposibilidade de se desprazar aos puntos de vacinación, agárdase que estas persoas sexan inoculadas nos seus propios domicilios. O problema estaría en que, segundo as familias, o Sergas segue sen achegar unha data de vacinación e, en moitos casos, nin sequera colle o teléfono.

 

Ese é o caso que padecen Salud e a súa filla Ana. Esta muller, residente na área sanitaria de Pontevedra, explica que tentou pórse en contacto co Sergas en numerosas ocasións para coñecer a quenda a súa nai, sempre sen éxito.  “Non conseguín falar con ningún que responsable que me dixera que a vacinación ía ser a partir de tal día. Nin sequera sabemos cando comeza”, explica.

 

O “esquecemento” que, a ollos de Ana constitúe esta situación déixase entrever nas ducias e ducias e chamadas ao teléfono de atención covid da Xunta (881 002 021) que esta muller afirma ter realizado “pola mañá e pola tarde. “Non é que te manteñan en espera, senón que cortan a comunicación. Directamente colgan”, explica. 

 

"É IMPOSIBLE CONTACTAR CON ELES"

 

A experiencia é paralela no caso da familia de Daniel Seixo, xornalista e director Nueva Revolución que, días atrás, denunciou seguir “sen noticias” da inmunización da súa avoa. “Non sabemos absolutamente nada”, explica. “Onte miña nai chegou a deixar o teléfono chamando en altavoz mentres facía as súas cousas. É imposible contactar con eles”, engade.

 

As denuncias contra teléfonos do Sergas que soan ata a eternidade --ou, directamente, non comunican-- chegan pouco despois do colapso vivido na vacinación da Cidade da Cultura, á que centos de pacientes da área de Santiago acudiron en masa o pasado día 6. A Asociación de Persoal de Servizos Xerais do Sergas subliñou días despois que cabía a posibilidade de que o caos vivido nesa xornada estivera provocado polo mal funcionamento dun robot encargado de dispensar citacións aos convocados.

 

RISCO DE CONTAXIO

 

Para Ana, a viraxe telemática do Sergas non é necesariamente mala. “Ir a urxencias é un risco para unha persoa de 91 anos que non está vacinada”, subliña. Con todo, a filla de Salud deixa claro que o funcionamento do sistema deixa espazo para mellorar: “tes que estar colgada do teléfono non sei canto tempo para conseguir a cita”, subliña. 

 

A problemática dos anciáns en atención domiciliaria está a gañar visibilidade nestas últimas xornadas, coincidindo coa aceleración dun proceso de vacinación que logo podería dar por rematada a primeira quenda. Dende a CNT dan conta de que se trata dun problema “xeral” e que, en casas como a de Salud e Ana, é motivo de preocupación. “Aínda que non saia da casa está comigo e ten unha coidadora que vén e vai e ten unha familia. É dicir, que existe un risco coa xente que está na casa, por moitos coidados que se teñan”, explica. Por iso deixa claro que seguirá marcando ese número do Sergas no que nunca hai resposta: “Ata que me digan cando a van vacinar eu vou seguir chamando, vou seguir dando a lata”.

 

Galicia Confidencial tentou contactar coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para coñecer os pormenores das cifras de vacinación, así como os protocolos dispostos polo Sergas para desenvolver a imnunización e as razóns trala falta de datas denunciada polas fontes desta reportaxe. No día de publicación desta peza non constaba aínda resposta da Xunta ás preguntas formuladas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Claro que sempre temos a posibilidade de seguir a perder o tempo sen resposta algunha ! https://twitter.com/00Gamela/status... Cada día parece máis clara a inmensa tomadura de pelo de calquera Administración nesta pandemia ! Agás a Declaración da Renda que vai coma un tiro (de gracia) !!!

1 Gamela

Eu levo 6 días chamando ao mesmo teléfono do SERGAS sen resultado algún. Pero curiosamente existe un teléfono no que te collen á primeira para despois de escoitarche acaban dicindoche que chames ao telefóno do SERGAS ! Se lle explicas a imposibilidade de falar nese número, a única resposta que tiven foi a seguinte: "vostede está a falar cun simple traballador de telefonía, que non ten culpa de que o servizo estea colapsado" o único que podo facer é transmitir a súa queixa !!! E punto final, moita Televisión, moito comunicado de prensa, pero no SERGAS non temos nin siquera un teléfono !!! Mi caaasa, teléfono.... ! As mentiras de toda a vida !!!