A Deputación da Coruña colaborará na construción do auditorio de Ribeira

Ademais, tamén cooperará co concello ribeirense na mellora da circulación do tráfico.

Por E.P. | A Coruña | 15/04/2021 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, trasladou este xoves o compromiso da institución provincial de cooperar na mellora da seguridade viaria no municipio de Ribeira. Así o manifestou no trancurso dunha visita na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Manuel Ruíz Rivas, e polos deputados provinciais José Manuel Pequeno e Sandra González.

Segundo explicou, a Deputación traballará conxuntamente co Concello para levar a cabo melloras en varios viarios. Así, ampliarase unha estrada provincial en Carreira, que conta cunha pronunciada curva e pola que circulan camións, onde apenas hai espazo para que se crucen dous vehículos de certa envergadura.

Outra das actuacións será a ampliación, cando sexa necesario, dos dous quilómetros da estrada que leva ao futuro polígono, para que poida soportar maior volume de tráfico. "Temos que coidar o desenvolvemento industrial da nosa provincia, que é o motor económico de Galicia", sinalou González Formoso.

Por outra banda, o presidente da Deputación e o alcalde abordaron a futura construción do auditorio no municipio, un proxecto para o que a institución provincial tamén ofreceu o seu apoio, co fin de impulsar un novo espazo cultural e de reunión para os veciños.

Durante a súa visita a Ribeira, González Formoso tamén acompañou ao rexedor a coñecer a situación dos viarios DP-7305 (Ribeira-Aguiño por Carreira) e DP-7307 (Ribeira-Aguiño por Castiññeoras), para os que o goberno municipal demanda a instalación de semáforos, pasos elevados e outros elementos. Os técnicos provinciais estudarán a situación destas estradas para "garantir a máxima seguridade"

AUMENTO DE DOTACIÓN PARA O PLAN ÚNICO

Por outra banda, Valentín González Formoso aproveitou a súa presenza en Ribeira para anunciar que o próximo pleno da Deputación aprobará o Plan de Obras e Servizos (POS) 2021, dotado con 25 millóns de euros, e que permitirá complementar o Plan Único (sumando un orzamento de 90 millóns). "O noso obxectivo é poder achegalo aos 100 millóns cun segundo POS Adicional", avanzou o presidente da Deputación.

Precisamente, en Ribeira levará a cabo a obra de pavimentación de cálea Romeu Ortiz, cun orzamento de máis de 164.000 euros, ao amparo deste Plan Único, e permitirá alargar a vía, mellorar as beirarrúas e servizos, e reforzar a seguridade viaria.

VISITA A NEGREIRA

Por outra banda, Valentín González Formoso visitou tamén este xoves o municipio de Negreira e, xunto ao seu alcalde, Manuel Anxo Leis, supervisou as obras de reurbanización e canalización de pluviais acometidas no centro urbano.

Os traballos foron financiados nun 80 por cento pola administración provincial e servirán para acabar cos problemas de inundacións, atascos na rede de saneamento e retorno de augas fecais que se rexistraban na zona en época de choivas.

Nesta localidade, e no marco do Plan Único, tamén levaron a cabo traballos de pavimentación nas avenidas das Brañas e A Barcala, e o alcalde anunciou que a próxima semana iniciaranse as obras na avenida de Santiago.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz.. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz.. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta