Concentración en Santiago contra a "crueldade animal" nos laboratorios de Vivotecnia

A protesta xorde tras uns vídeos difundidos pola ONG Cruelty Free sobre o centro de experimentación desta compañía en Madrid.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2021 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Decenas de persoas participaron este domingo nunha concentración en Santiago de Compostela para reclamar a liberación dos animais maltratados no laboratorio Vivotecnia, en Madrid, e proclamar o fin da "crueldade" nos laboratorios.

Esta protesta, celebrada a partir das 11,00 horas na Praza do Obradoiro, contou co apoio de diversos colectivos, entre eles o partido Pacma e a asociación animalista Libera.

A concentración, que se viviu tamén este domingo en distintos puntos de España, xurdiu como reacción aos vídeos difundidos pola ONG Crueltry Free International sobre o centro de experimentación Vivotecnia, que xa foi suspendido pola Comunidade de Madrid.

Os asistentes á protesta na compostelá Praza do Obradoiro, algúns deles acompañados das súas mascotas, vestiron de negro e cunha bata de quirófano, á vez que portaban fotografías dos animais que aparecían no polémico vídeo.

Ademais, exclamaron diversas consignas para pedir o fin destas prácticas: "Non máis escravos nos laboratorios"; "Xa abonda de crueldade animal"; "Vivotecnia, tortura e asasina".

Pola súa banda, a asociación animalista Libera mostrou o seu apoio e adhesión ás convocatorias cidadás para reclamar "a recolocación dos animais maltratados" no laboratorio Vivotecnia. Non en balde, este colectivo aproveita para pór encima da mesa "o debate sobre a pervivencia dos experimentos con animais vivos" despois das "escabrosas imaxes" difundidas.

Neste contexto, Libera reclama nun comunicado a adopción de sistemas de videovixilancia continua nestes centros como "primeira medida para previr" estes episodios, aínda que piden á Xunta unha "aposta clara" pola substitución dos animais vivos por "métodos alternativos" nos centros privados e nos dependentes das universidades públicas.

"O escándalo de Vivotecnia e a protesta en Compostela demostran que a cidadanía tiña un gran descoñecemento sobre o trato que reciben os animais explotados como banco de probas, e como Galicia non pode ser allea a unha proposta de avance científico sen estas prácticas", asegura Libera.

Decenas de persoas secundan na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, unha protesta contra a crueldade animal nos laboratorios, particularmente en Vivotecnia, en Madrid.
Decenas de persoas secundan na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, unha protesta contra a crueldade animal nos laboratorios, particularmente en Vivotecnia, en Madrid. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta