Un inventario recollerá infraestruturas das 170 áreas fluviais con máis risco de inundación da zona Galicia Costa

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/04/2021 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A Xunta realizará un inventario das infraestruturas que existen nas marxes dos ríos das 170 áreas con maior risco de inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Así, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica este venres na Plataforma de Contratos Públicos da Xunta a licitación deste contrato de servizo, cun investimento de case 1,3 millóns de euros.

Un parque alagado polo desbordamento do río Miño, en Begonte
Un parque alagado polo desbordamento do río Miño, en Begonte | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

As empresas interesadas nestes traballos poderán presentar as súas ofertas ata o próximo día 3 de xuño. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.

O obxectivo é analizar todas as áreas fluviais delimitadas de forma provisional no novo Plan de xestión de risco de inundación de Galicia-Costa, correspondente ao ciclo 2021-2027, e que suman unha lonxitude total de 548 quilómetros de río.

Por unha banda, os traballos consistirán en identificar as infraestruturas de defensa lonxitudinal fronte a inundacións e protección de marxes ao longo destas áreas de risco.

A catalogación permitirá recompilar e inventariar todas as infraestruturas na contorna destes ríos e rexistralas, para posteriormente establecer unha estratexia para a redución do risco de inundación, á vez que se garante o correcto funcionamento da estrada ou ferrocarril en situacións de avenida.

No marco deste traballo, formularanse distintas solucións técnicas para a mellora do funcionamento destas infraestruturas e, ao mesmo tempo, proporase unha priorización das posibles medidas, atendendo ao perigo, risco e importancia das mesmas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta