O PSdeG cualifica de "xogo indecente" o que está a facer a Xunta coas vacinas para confrontar co Goberno

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero sostivo que o proceso de vacinación non pode ser un motivo de tensión entre políticos, senón unha "garantía" de todos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2021 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou á Xunta de facer un "xogo indecente" coas vacinas contra a covid-19 ao asegurar que a Galicia "chegaban menos que a outros lugares" para confrontar co Goberno do Estado.

"Agora cando se vacina aos de maior idade e a Galicia chegan máis vacinas que o resto de España, agora o PP non o di", reprochou o socialista, que acusou aos populares galegos de facer un "xogo perverso de tensión que non favorecen a ninguén".

Nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega, Gonzalo Caballero sostivo que o proceso de vacinación non pode ser un motivo de tensión entre políticos, senón unha "garantía" de todos. "E o Goberno do Estado sempre remitiu ás comunidades as vacinas que lle correspondía", afirmou.

Fronte a iso, Gonzalo Caballero considerou necesario que a Xunta fortaleza un sistema de vacinación que "vén para quedar" e o compaxine cunha atención primaria que poida manter a todos os efectivos para prestar unha adecuada asistencia.

O dirixente socialista, que considerou necesario "manter todas as alertas" ante o repunte dos contaxios para evitar "calquera posible tendencia de empeoramento", subliñou que a Xunta debe de cumprir "dentro das súas competencias" para evitar "riscos".

"Non pode caer en tics autoritarios como fixo coa Lei de Saúde, que atentou contra liberdades e dereitos; nin converter o certificado de vacinación nun pasaporte de mobilidade", afirmou para emprazar á Xunta a loitar contra a pandemia desde a "cogobernanza e a cooperación".

RESPOSTA DO PPDEG

En fronte, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, asegurou que o que fai a Xunta é "seguir estritamente os protocolos ditados" pola comisión interterritorial. "Nós fixemos ao longo do tempo unha petición que era razoable, por exemplo, que a distribución de vacinas tiña que ser proporcional ao número de persoas que eran obxectivo nas distintas fases das etapas de vacinación", afirmou.

Pedro Puy subliñou que "certamente isto non se producía". "E, efectivamente, iso reclamouse, o PSOE dixo que estabamos a facer confrontación, e finalmente o Goberno de España procedeu a enviar vacinas de acordo a esas porcentaxes de poboación", apuntou.

O feito de que o Goberno procedese a enviar vacinas de acordo coa porcentaxe de vacinación, conforme apuntou, permitiu que Galicia estea por encima da media en porcentaxe de persoas que recibiron algunha dose. "Iso só ten que ver co feito de que hai máis xente maior, prioritaria", sinalou.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa ofrecida no Parlamento de Galicia. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa ofrecida no Parlamento de Galicia. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta