Os colexios médicos galegos defenden a atención presencial combinada coa telemática para aliviar a "sobrecarga"

Aseguran que "ningún" facultativo rexeita a atención directa, pero apuntan que a combinación coa telemática axuda a aliviar a carga de traballo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/05/2021 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

O Consello Galego de Colexios Médicos defende a asistencia presencial en Atención Primaria combinada coa telemática para aliviar a "sobrecarga", á vez que espera que a Consellería de Sanidade "aclare" o complemento de produtividade adicional vinculado coas consultas presenciais, xa que entenden que ese ítem non debe "incentivarse".

Centro de saúde
Centro de saúde | Fonte: Europa Press.

Así o explicou o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, o doutor Isidro Lago, preguntado pola inclusión no plan para recuperar a presencialidade nas consultas de Atención Primaria de indicadores para acceder ao complemento de produtividade variable adicional ao seu salario, entre os que se atopan a necesidade de alcanzar unha cifra de consultas presenciais por enriba do 60 por cento e non demorar as citas máis de catro días.

"A Atención Primaria está moi tocada, foi inxustamente atacada", afirmou Isidro Lago, quen lembrou que debido á pandemia da Covid se apostou pola telemedicina "pola seguridade de pacientes" e profesionais. Respecto diso, puntualizou que as consultas telefónicas foron "impostas" por Sanidade para evitar contaxios.

Con todo, admitiu que, tras a experiencia da atención durante a época máis dura da pandemia, nos centros de saúde a partir de agora "vai haber un cambio na atención", xa que consultas, por exemplo para dar resultados a un paciente, se farán telefónicas para aliviar a "sobrecarga" asistencial en Primaria.

Para o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, en Primaria faise un "traballo encomiable e non remunerado" en ocasións, polo que defenden complementos extra para os profesionais, aínda que non ese "item" en concreto. Así, puntualizou que nin todo será telemático "nin todo presencial". "O 100% presencial como antes non ten que ser", abundou.

Preguntado en concreto, sobre a posibilidade de incentivar unha porcentaxe de consultas presenciais en Primaria como recolle o plan do Sergas para este nivel asistencial, Lago subliñou que esperan que a Consellería de Sanidade "o aclare". "Non nos gusta como se expón", afirmou.

Neste sentido, considerou que a atención presencial e telemática chegarán "a un equilibrio" con plans "aos poucos adaptados". Ademais, insistiu en que "ningún médico rexeita a asistencia presencial" e considera que non debe "incentivarse iso". "Non é motivo de ganancia nin de perda", sostivo.

Por tanto, os médicos galegos esperan que Sanidade aclare este aspecto do plan para este nivel asistencial e que o aborde nunha reunión prevista para finais de mes, aínda sen data concreta. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta