PSdeG denuncia que se citan "de últimos" a mutualistas e Xunta afirma que a vacinación avanza "parella" á do resto

O deputado do PSdeG, Julio Torrado, contrapuxo que a Xunta "culpe ás mutuas" desta situación ao asegurar que "non facilitaban os datos" no momento preciso co feito de que as aseguradoras defendesen que os remitiron "a tempo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2021 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

O PSdeG denunciou que algúns asegurados en mutuas foron citados para vacinarse "de últimos" dentro dos seus grupos de idade. Mentres, a Consellería Sanidade afirmou que a porcentaxe de administración de dose destas persoas é "parello" ao daquelas con cartón sanitario do Sergas e apuntou que algunhas mutuas tiveron que actualizar datos dos seus asegurados despois de iniciarse o proceso de vacinación.

Durante a comisión de Sanidade, que tivo lugar este xoves no Pazo do Hórreo, o deputado socialista Julio Torrado explicou que nos cribados realizados para detectar casos de coronavirus "non se contaba con persoas aseguradas en mutuas privadas", que sinalou que foron citadas para recibir a vacina "ao final dos seus grupos" e, nalgúns casos, "de últimas".

Así, contrapuxo que a Xunta "culpe ás mutuas" desta situación ao asegurar que "non facilitaban os datos" no momento preciso co feito de que as aseguradoras defendesen que os remitiron "a tempo".

Tras insistir na necesidade de "non descargar a responsabilidade" da remisión da información de contacto nos particulares, recoñeceu que a situación da vacinación de persoas con mutuas aseguradoras "é mellor que hai un mes". En todo caso, pediu á Xunta que "deixe de empregar a vacinación como ferramenta para atacar ao Goberno" e "contrate máis persoal de enfermaría e para a xestión dos datos".

Pola súa banda, o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fontes, detallou que antes do comezo do proceso de vacinación solicitáronse ás mutuas os datos dos seus asegurados e estas remitíronos.

No entanto, apuntou que se produciron novos envíos de información cando algúns mutualistas advertiron que "non eran chamados (para vacinarse) porque os seus datos (de contacto) non eran correctos". De feito, afirmou que tamén se produciron actualizacións de datos de persoas con cartóns sanitarios do Sergas.

En concreto, indicou que a porcentaxe de maiores de 80 anos con mutuas aseguradoras vacinados é próxima ao do resto da poboación desa idade. Fontes tamén asegurou que a recepción de dose dos mutualistas de entre 60 e 79 anos "está parella" á de persoas con cartón do Sergas desas idades porque neses casos a poboación diana actualizou os seus datos de contacto con anterioridade.

O xerente do Sergas, José Flores, durante a comisión. XUNTA
O xerente do Sergas, José Flores, durante a comisión. XUNTA | Fonte: Europa Press

CONDICIÓNS LABORAIS

Por outra banda, a deputada do BNG formulou unha pregunta na mesma comisión na que esixiu que a Xunta "finalice coa discriminación salarial e a precariedade do persoal sanitario", traballadores que denunciou que perciben ata 430 euros menos que os da mesma categoría na Administración autonómica. Así, urxiu o cumprimento dos acordos retributivos alcanzados en 2008-2009 para avanzar na equiparación salarial do persoal do Sergas respecto ao doutros servizos de saúde españois e a Administración da Xunta.

Mentres, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, lembrou que nos próximos días concluirá o procedemento polo que persoal de enfermaría poderá ver incrementado o seu salario ao converterse en especialista e apuntou que profesionais de áreas como pediatría e saúde mental poderán mellorar as súas condicións mediante outros procedementos internos. No entanto, remarcou que "non é momento de falar de incrementos retributivos" xeneralizados dada a crise actual, aínda que destacou a contratación de profesionais sanitarios nos últimos dous anos.

Noutra orde de cousas, o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, detallou que o servizo de doazón de sangue do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo conta con tres prazas de Medicina de Familia das que só se cubriu unha en xaneiro de 2019 mediante a OPE de 2015. Tamén precisou que o titular renunciou á mesma en outubro de 2020, polo que se iniciaron procedementos para cubrir mediante interinidades esta e as outras dúas prazas de facultativos.

Adicionalmente, o xerente do Sergas, José Flores, avanzou que nos próximos días publicarase a licitación da ampliación do centro de saúde do Porriño, cuxo prazo máximo de execución será de 18 meses. Así, o espazo dispoñible pasará de 1.600 a 2.200 metros cadrados. Tamén indicou que a obra de construción dun centro de saúde en Moaña podería licitarse tras o verán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta