Temas: FRASEOLOXíA

“Ter o burro pola corda” ou “ter a tixola polo rabo”, equivalentes á castelá “tener la sartén por el mango”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago | 16/05/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para dar conta daqueles casos en que unha persoa se atopa nunha posición na que pode facer e desfacer a discreción sen ter que consultar con ninguén, e na que pode obrigar ós outros a someterse á súa vontade, en castelán adóitase botar man da paremia tener la sartén por el mango. Vexamos algunhas secuencias expresivas que cobren en galego ese mesmo espectro de uso:

Burro e poldro subtraídos en Padrón e Rianxo
Burro e poldro subtraídos en Padrón e Rianxo

Tener la sartén por el mango

{= Atoparse unha persoa en tal posición de vantaxe que pode actuar a discreción sen ter que consultar con ninguén, e na que mesmo pode obrigar ós outros a se someteren á súa vontade.}

Ter o burro pola corda

Ter a tixola polo rabo

Ex.: Finalmente Grecia se tuvo que plegar a las exigencias de la troika europea, que era quien tenía la sartén por el mango.

Ó último Grecia tivo que encartar ante as esixencias da troica europea, que era quen tiña o burro pola corda que era quen tiña a tixola polo rabo.

● E mesmo tamén:

Ter a tixola polo cabo && Ter a chave das noces && Ter a chave da arca && Ter a vara e (mais) a besta && Ter a rabela do arado

NOTAS:

1. En relación coa secuencia expresiva ter a tixola polo rabo, obsérvese a paremia quen ten a tixola polo rabo, ese é o amo, recolleita, por exemplo, por Eladio Rodríguez.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta