Feijóo gábase de que o TSXG ratifique as súas medidas de restrición fronte a COVID

O Grupo Parlamentario Popular aprobou, unha iniciativa para que a Xunta demande ao Goberno central adecuar a lexislación sanitaria estatal pola pandemia e retirar a solicitude de suspensión de parte da lei de saúde galega.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2021 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou o seu "agradecemento" ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola "sensibilidade" que, ao seu modo de ver, evidencia ao ratificar as medidas de restrición impulsadas polo Goberno autonómico fronte á covid-19 e que requirían de autorización xudicial.

En concreto, o TSXG ratifica o peche perimetral e o toque de queda entre as 23 e as 6 horas nos concellos galegos en risco extremo (máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes) e as restricións nas reunións, tanto para este grupo de municipios como en toda Galicia entre a 1 e as 6 da madrugada.

Ademais, as reunións de non conviventes están limitadas a seis persoas en exteriores e a catro persoas en interiores, incluídos os domicilios privados, no conxunto de municipios galegos. No caso dos que teñen restricións máximas, non pode haber encontros de persoas que non convivan.

Tras coñecer a decisión, Feijóo celebrou que o alto tribunal galego aceptase os razoamentos articulados pola Asesoría Xurídica, cuxo traballo destacou, así como "o rigor" e o labor que realizan tanto o Servizo Galego de Saúde (Sergas) como o comité clínico que asesora ao Executivo autonómico desde o principio da pandemia.

Máis aló, volveu a cargar contra o Goberno central e a "situación pintoresca" --con decisións contraditorias dos tribunais nos distintos territorios do Estado sobre as mesmas medidas-- á que, baixo o seu punto de vista, aboca ao "xudicializar" a pandemia.

Neste punto, remarcou que a Xunta defende desde hai meses a necesidade de adaptar a lei estatal para a xestión específica da covid-19 e leu un parágrafo do pronunciamento da Fiscalía --no marco do procedemento para o aval xudicial das novas medidas-- no que, segundo as súas palabras, tamén apoia que sería "conveniente" dotarse dunha norma estatal adecuada.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia / DAVID CABEZÓN - XUNTA DE GALICIA. / Europa Press
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia / DAVID CABEZÓN - XUNTA DE GALICIA. / Europa Press

DEMANDA PARA QUE O GOBERNO CENTRAL CAMBIE A LEI DE SANIDADE

O Grupo Parlamentario Popular aprobou, coa abstención do BNG e o rexeitamento dos socialistas, unha iniciativa para que a Xunta demande ao Goberno central adecuar a lexislación sanitaria estatal pola pandemia e retirar a solicitude de suspensión de parte da lei de saúde galega.

A través da iniciativa defendida no pleno ordinario que este mércores acolleu o Pazo do Hórreo polo PPdeG, que rexeitou senllas emendas do BNG e o PSdeG, instouse ao Goberno galego a pedir ao Executivo central a actualización da lexislación orgánica para proporcionar ás autoridades competentes "o mellor marco xurídico posible" para afrontar situacións "presentes e futuras" de "risco grave para a saúde pública".

Ademais, reclamouse que, mentres non conclúa a actualización da lei estatal de saúde, o Goberno "desista de solicitar a suspensión da normativa legal aprobada polos distintos órganos lexislativos autonómicos" para dar resposta ás necesidades que afrontan as autoridades sanitarias competentes e "para as que a actual lexislación orgánica resulta insuficiente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta