O Sergas, condenado a pagar 66.000 euros pola demora na asistencia do 061 a un home en Celanova que morreu

O xulgado di que "se debe recoñecer unha situación de perda de oportunidade en relación coa asistencia prestada" a este home, de 65 anos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/05/2021 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O Xulgado do Contencioso Administrativo Número 2 de Santiago condenou a Administración galega e a súa aseguradora a indemnizar con 66.000 euros en concepto de responsabilidade patrimonial a unha familia pola demora na asistencia do 061 a un home de 65 anos na zona de Celanova, que faleceu días despois nun hospital.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: 061-GALICIA - Arquivo.

Segundo recolle a sentenza, o tribunal explica que a asistencia sanitaria "implica a existencia dunha obrigación de medios, non de resultados" e lembra que resulta "imprescindible que exista nexo causal entre o funcionamento normal ou anormal do servizo público e o resultado lesivo ou dano producido".

Na documentación achegada pola parte que representa á familiar, a cargo do avogado Cipriano Castreje, recollida polo tribunal "indícase que os servizos de urxencias tardaron 34 minutos en atender a urxencia vital que se presentou" e incide en que "os servizos de urxencias non foron capaces de atender a urxencia en tempo e modo que as circunstancias requirían".

No relato de feitos, o tribunal sinala que "na primeira chamada tentouse que o paciente acudise por si mesmo a un centro médico e deron o caso por resolto ata que minutos despois se produciu a segunda chamada".

En relación á mobilización dun helicóptero medicalizado, puntualízase na sentenza que "se activou tarde a pesar de que a familia o reclamaba de forma urxente, co señor "tendido no chan". Por iso, apúntase que "a atención recibida polo 061 non estivo acorde coa situación de urxencia exposta".

No fallo xudicial exponse, ademais, que o servizo de ambulancia "anulouse dada a asistencia ao paciente mediante helicóptero, que chegou despois duns minutos de ser mobilizado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta