O BNG propón que o complexo mar-industria sexa prioritario nos fondos Next Generation

Ana Pontón sinalou que estes fondos non poden vincularse a recortes sociais senón utilizarse para "impulsar cambios produtivos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2021 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo que o complexo mar-industria de Galicia sexa considerado estratéxico á hora de participar nos fondos europeos de recuperación Next Generation. A líder dos nacionalistas galegos lanzou esta proposta durante unha visita á fabríca do Grupo Calvo, en Carballo, onde destacou a capacidade deste sector para xerar riqueza e emprego.

"É evidente que estamos nun momento importante para o país e necesitamos saír desta crise fortalecendo a capacidade produtiva de Galicia", indicou tras sinalar que o Grupo Calvo é "un exemplo da importancia de ter industria para xerar riqueza e emprego". "E ese é o destino que deben de ter os fondos europeos de recuperación", dixo a dirixente nacionalista durante unha visita á empresa que en 2020 tivo unha facturación próxima aos 600 millóns de euros.

Ana Pontón sinalou que estes fondos non poden vincularse a recortes sociais senón utilizarse para "impulsar cambios produtivos". Todo iso tendo en conta que "uno dos grandes activos que ten Galicia é o complexo mar-industria que debe ser declarado prioritario na recepción dos Next Generation.

"Hai que apostar pola industria e temos que aproveitar os fondos europeos para xerar un tecido máis rico, máis innovador que xere emprego e riqueza en Galicia", afirmou. Na súa intervención, Pontón expresou o "orgullo" do Bloque ante unha empresa galega de proxección mundial que é sinónimo de calidade, innovación e de compromiso ambiental e social, "un emblema de Galicia de Galicia".

"É importante ver o pulso empresarial que hai no país e a capacidade para sacar proxectos adiante que apostan por crear emprego aquí, pola investigación e por ter unha implicación co territorio porque esas son as claves do futuro", argumentou tras un percorrido guiado polo presidente do Grupo, Luciano Calvo, e no que tamén participou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Ademais, Pontón puxo en valor a aposta polo produto galego, como o mexillón, cuxa rastrexabilidade permite ao consumidor coñecer exactamente a procedencia do que lle chega á mesa.

PROPOSTAS

A dirixente nacionalista aproveitou a visita para destacar algunhas das propostas do Bloque para potenciar o sector mar-industria, no que a investigación e a innovación xogan un papel decisivo para xerar valor engadido.

Así, o Bloque propón a creación dun Consorcio de Coordinación da investigación mariña dedicado ao I+D+i en temas como a contaminación e o cambio climático en relación co mar e as rías; usos de produtos do mar tanto na alimentación como na biomedicina ou para biomateriais; para realizar estudos de apoio a sectores produtivos relacionados co mar e o desenvolvemento de sistemas de obtención de datos mediante BIG DATA. Tamén pide que os fondos europeos de recuperación sirvan para a rexeneración produtiva das rías galegas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visita as instalacións do Grupo Calvo en Carballo (A Coruña), xunto ao alcalde da localidade, Evencio Ferrero. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visita as instalacións do Grupo Calvo en Carballo (A Coruña), xunto ao alcalde da localidade, Evencio Ferrero. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta