O luns abre o prazo para que persoal laboral fixo da Xunta se inscriba en dúas convocatorias de funcionarización

Estes empregados "seguirán ocupando o mesmo posto de traballo e non sufrirán perdas retributivas", recalca a Administración autonómica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2021 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres dúas novas convocatorias da segunda fase do proceso de funcionarización voluntaria do seu persoal laboral fixo. O prazo de inscrición abrirase o luns e estenderase durante 20 días hábiles, ata o 18 de xuño.

Segundo recolle a resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, son un total de 1.700 prazas de funcionarios dos subgrupos C2 e a agrupación profesional (AP), ás que poden acceder traballadores fixos dos grupos IV e V.

Tal e como informa a Xunta nun comunicado, trátase de prazas que xa están incluídas na Oferta Pública de Emprego (OPE) do ano 2020 e do ano 2021 para a súa conversión voluntaria en funcionario de carreira. Iso si, estes empregados "seguirán ocupando o mesmo posto de traballo e non sufrirán perdas retributivas", recalca a Administración autonómica.

Segundo datos da Consellería, o 95 por cento do persoal laboral fixo que presta servizos na Xunta solicitou acollerse a este proceso que consiste nun concurso-oposición e que, en calquera caso, non é competitivo como sucede no acceso libre.

A finalidade deste procedemento é unificar o réxime xurídico aplicable aos traballadores para eliminar así a disparidade e cumprir o principio xeral de que os postos laborais nas administracións públicas deben ser desempeñados por persoal funcionario.

PERSOAL INVESTIGADOR DE AGACAL

Ademais, o DOG publicou a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) pola que se aproban as bases do proceso de elaboración de listas de persoal investigador asociados a proxectos deste organismo dependente da Consellería do Medio Rural. Así, tamén se abre un prazo de 20 días hábiles para que os interesados en incorporarse a estas listas poidan presentar a correspondente solicitude, que deberá ser telemática.


Por outra banda, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) informou que desde este venres está dispoñible na súa páxina web, para consulta a efectos informativos, a relación de destinos adxudicados nos procesos selectivos para acceder ás categorías de médico de familia, odontólogo de Atención Primaria, pediatra de Atención Primaria, persoal de servizos xerais, técnico en coidados auxiliares de Enfermaría, fisioterapeuta, enfermeiro especialista de saúde mental, enfermaría do traballo, familiar e comunitaria, e enfermeiro obstétrico-xinecolóxico. A publicación de destinos pola que se resolve definitivamente esta OPE será o 7 de xuño.

Oposicións ao corpo superior da Xunta
Oposicións ao corpo superior da Xunta | Fonte: XUNTA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta