Redúcese a presión hospitalaria en Galicia, aínda que aumentan os novos contaxios e os casos activos de covid-19

Hai 139 pacientes hospitalizados, sete menos que hai un día.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/05/2021 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

A segunda fin de semana tras o final do estado de alarma continúa polo momento cunha caída da presión hospitalaria, cun total de 139 pacientes hospitalizados con covid-19, sete menos que hai un día. Con todo, nas últimas horas experimentaron unha leve repunta os novos contaxios detectados, ata os 184, mentres que os casos activos sitúanse en 2.685, unha decena máis.

Unha mesa dunha terraza tachada cunha cinta de prohibición nunha rúa de Vigo o día en que entraron en vigor novas medidas na hostalaría
Unha mesa dunha terraza tachada cunha cinta de prohibición nunha rúa de Vigo o día en que entraron en vigor novas medidas na hostalaría | Fonte: Europa Press.

En canto á presión hospitalaria, segundo os datos actualizados na mañá deste sábado pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste venres, a baixada explícase polo acusado descenso dos pacientes en planta, ata o total de 108 --oito menos que 24 horas atrás--, xa que os que permanecen en unidades de coidados intensivos creceron nun, ata os 31 enfermos.

Por áreas sanitarias, os ingresados caeron en catro das sete. Tan só aumentaron na de Pontevedra-O Salnés, con 22 hospitalizados --dous máis--, dos cales seis --un menos-- están na UCI; e na de Lugo-A Mariña-Monforte, con oito pacientes --un máis--, mentres en críticos só permanece un --sen variacións--.

Á súa vez, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras non experimentou ningún cambio en canto á cifra de ingresados, cun total de 11, aínda que si variaron os de coidados intensivos, onde permanecen catro persoas con covid, unha máis.

En canto ás áreas que reducen a súa presión hospitalaria, lidera a caída a de Santiago-Barbanza, con 17 ingresados (-5), dos cales tres están na UCI (-1).

Tamén descenderon na da Coruña-Cee, ata os 38 (-3), seis deles en coidados intensivos (-1); na de Vigo, ata os 39 (-1), a pesar da repunta a nove na UCI (+1); e na de Ferrol, onde son catro os ingresados (-1), aínda que nun só día pasaron de cero a dous (+2) os que están críticos.

CASOS ACTIVOS

Pola súa banda, os casos activos romperon coa cadea de tres xornadas consecutivas de tendencia descendente, ao repuntar nos datos deste sábado ata os 2.685, cifra que supón 10 máis. Isto débese a que os novos diagnósticos superaron ás altas nas últimas 24 horas.

Este ascenso replicouse en todas as áreas sanitarias agás en dúas: en Vigo caeron ata os 821 pacientes (-11) e en Ourense-Verín-O Barco, ata os 204 (-6).

Mentres tanto, aumentaron na da Coruña-Cee, a 555 casos activos (+2); en Pontevedra-O Salnés, a 371 (+8); en Lugo-A Mariña-Monforte, a 206 (+14); e en Ferrol, a 91 (+3). Na de Santiago-Barbanza, os pacientes de covid mantéñense sen variacións, nos 437.

LIXEIRO ASCENSO DE CONTAXIOS

En canto aos contaxios de covid-19 detectados no conxunto de Galicia mediante calquera tipo de proba, ascenderon lixeiramente a 184. Esta cifra supón un ascenso de oito con respecto ao día anterior, pero é que ademais é a máis alta de toda a semana.

Do total, 158 positivos foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 45 corresponden á área de Vigo; 40 á da Coruña; 21 á de Santiago; 20 á de Pontevedra; 18 á de Lugo; oito á de Ourense; e seis á de Ferrol.

Deste xeito, os contaxiados de covid-19 en Galicia desde o inicio da pandemia ascenden a 125.727, dos que 30.240 corresponden á área da Coruña; 24.721, á de Vigo; 19.748, á de Santiago; 15.621, á de Ourense; 14.130, á de Pontevedra; 12.724, á de Lugo; e 8.543, á de Ferrol.

FALECIDOS E CURADOS

As persoas falecidas diagnosticadas con covid-19 en toda Galicia mantéñense nas 2.410 despois de que a Consellería de Sanidade non notificase este venres ningunha nova morte.

Fronte a isto, curáronse en Galicia deste coronavirus ata o momento 120.656 pacientes desde o inicio da pandemia, 172 persoas máis que as contabilizadas ata a xornada anterior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta