Por Galicia Confidencial | Boiro | 03/07/2025 | Actualizada ás 10:26
A Garda Civil, no marco da Operación "JALEA REAL", desarticulou un activo punto de venda de drogas no centro urbano de Boiro e procedeu á detención de dez persoas, veciñas de Boiro e Rianxo, como presuntas autoras dun delito contra a saúde pública (tráfico de drogas) e pertenza a grupo criminal.
A investigación, iniciada en xuño de 2024 por axentes do Posto Principal da Garda Civil de Boiro, centrouse nunha vivenda no centro da localidade que operaba como un punto de venda de estupefacientes as 24 horas do día.
Tras un ano de intensas pescudas, púidose constatar que a responsable do grupo, con antecedentes por delitos de drogas, utilizaba complexas estratexias para evitar ser detectada. Cambiaba constantemente os métodos de distribución, realizaba paradas intermitentes nos seus traxectos e contaba cunha rede de colaboradores que efectuaban as vendas en distintos puntos discretos do centro urbano, alternando aos distribuidores para non levantar sospeitas. Nalgúns momentos, chegáronse a identificar até nove persoas realizando estes labores de venda.
A trasfega de toxicómanos na zona era notorio, o que provocara un aumento significativo de infraccións penais como roubos e furtos, perpetrados por persoas con amplo historial delituoso que acudían ao momento de venda desde diversas localidades da Comarca do Barbanza para adquirir cocaína, crack, heroína, haxix, entre outras sustancias. Chegouse a constatar a presenza de máis de 30 compradores nun só día.
DETENCIÓNS
A fase de explotación da operación culminou o pasado 24 de xuño de 2025 coa detención da principal dirixente do grupo ao saír da vivenda obxectivo. Posteriormente, realizouse un rexistro domiciliario, autorizado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Ribeira en funcións de garda.
Durante as intervencións policiais e o rexistro, interviñéronse as seguintes sustancias estupefacientes: 197 dose de cocaína (42,16 gramos), 303 dose de heroína (33,08 gramos)
8 dose de crack (1,9 gramos), 93 dose de haxix (28,09 gramos), 15 pastillas de metadona (3 gramos), 12 dose de marihuana (5,98 gramos).
Ademais da droga, incautáronse efectos procedentes de roubos e furtos, incluíndo unha bicicleta valorada en 3.000 euros que xa foi recoñecida polo seu lexítimo dono. Tras estas intervencións, practicáronse as detencións das outras persoas que formaban parte do grupo criminal como colaboradores directos na distribución das drogas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.