Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2021 | Actualizada ás 18:30
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, trasladou este luns a súa intención de buscar o apoio da oposición para "atender as necesidades" de Ourense con 62 millóns de euros do remanente do Concello.
A Xunta de Goberno Local aprobou unha modificación de crédito para mobilizar 62 millóns de euros de remanente en infraestruturas e servizos na cidade. Deles, a modernización do transporte e os proxectos de mobilidade vertical levarían a maior parte do orzamento con 14 millóns e 10 millóns respectivamente.
Na Xunta Extraordinaria aprobouse a modificación pero será presentada para aprobación do Pleno do Concello na súa próxima sesión o día 4 de xuño. A finalidade é mobilizar os recursos do remanente de tesouraría para "atender necesidades da cidade". "É a maior modificación de crédito na historia de Ourense", sentenciou Pérez Jácome.
"Ourense é unha cidade que ten carencias e esas carencias teñen un prezo, ese diñeiro estaba no banco e o que facemos é sacalo e polo na cidade. O Concello non é un banco, o diñeiro ten que estar na rúa senón non ten sentido recadar impostos", subliñou o rexedor municipal.
O expediente inclúe os proxectos de mobilidade vertical, tales como as escaleiras mecánicas e os ascensores que Pérez Jacome quere instalar por toda a cidade investindo para iso 10 millóns de euros. Así mesmo a renovación da frota de autobuses leva o maior orzamento con 14 millóns, o alcalde asegura que é necesario porque "moitos superan os 20 anos de antigüidade".
Tamén hai partida por catro millóns para a mellora de parques infantís, outro catro para a renovación dos colectores en superficie, de novo outro catro millóns para un plan de choque "para o mantemento global da cidade" e outros catro para a execución do convenio coa Xunta para a ampliación do Hospital Materno Infantil.
Entre outras partidas, tamén se ten en conta a instalación de cámaras no casco antigo, radares para "pacificar o tráfico e evitar accidentes" ou os convenios sociais que se desenvolven na cidade entre os que o rexedor destaca o de Cáritas por importe de 250.000 euros.
Por outra banda, o Concello de Ourense incorporará 18 axentes á Policía Local a partir do próximo luns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.