En-Rede-Arte: renovan o convenio para facilitar o acceso das persoas con discapacidade á cultura

Cogami e a Xunta asinaron o convenio de colaboración, que incrementa nun 25% a achega para o proxecto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2021 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e a Xunta renovaron a colaboración para levar a cabo o proxecto En-Rede-Arte, unha iniciativa que ten por obxecto facilitar a formación e o acceso á cultura das persoas con discapacidade e impulsar a cooperación entre profesionais do campo da discapacidade e artistas, segundo informa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O seu titular, Román Rodríguez, e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, asinaron este venres o convenio de colaboración mutua para a posta en marcha desta iniciativa que xa vai pola súa terceira edición.

Ao amparo deste convenio, a Xunta de Galicia incrementa nun 25% a achega para o desenvolvemento deste proxecto ata alcanzar os 25.000 euros de orzamento.

O proxecto En-Rede-Arte está en marcha desde o ano 2015 e está deseñado "para proporcionarlles ás persoas con discapacidade a posibilidade de vivir experiencias culturais que teñan unha incidencia positiva na súa aprendizaxe e que lles permita desenvolver a súa curiosidade, a formación do gusto e o seu sentido estético e crítico".

Ao mesmo tempo, preténdese incentivar entre este colectivo o hábito de frecuentar actividades e eventos culturais, romper conceptos autolimitantes da actividade cultural e estimular a capacidade de superación persoal, entre outras.

Para lograr estes obxectivos levarán a cabo distintos talleres de artes plásticas, fotografía artística, escritura creativa, teatro, música tradicional e popular e danza contemporánea. Todos eles están pensados para que os participantes, uns 200, segundo as previsións, consigan unha base de coñecementos na materia concreta e, a partir de aí, fomentar o seu espírito creativo e artístico e creativo.

Asd. COGAMI
Asd. COGAMI | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta