Falece o polifacético xornalista galego José Martínez Couselo

Foi xefe de prensa na USC e traballou en distintos medios de comunicación de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2021 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

José Martínez Couselo, polifacético xornalista que foi xefe de prensa na USC e traballador en distintos medios de comunicación galegos, faleceu na madrugada deste venres en Santiago de Compostela, tras sufrir un problema de saúde aos seus 83 anos de idade. Este sábado será incinerado, tras a celebración dunha misa na súa memoria no propio tanatorio de Boisaca.

Martínez Couselo, natural de Poio, triunfou nos anos 80 no mundo xornalístico, cunha carreira profesional que se iniciou en publicacións universitarias e que continuou no desaparecido vespertino 'La Noche'. Estudou o bacharelato na Academia Minerva de Pontevedra e logo cursou estudos na Facultade de Medicina de Santiago.

Foi responsable dos servizos informativos en diversas etapas do centro de Televisión Española en Galicia. Durante unha década, foi xefe de prensa da Universidade de Santiago durante unha década, director dos servizos informativos de Televisión de Galicia e redactor-xefe da Axencia Galega de Noticias, director do xornal vigués 'Atlántico Diario' e da revista galega 'Eco', correspondente de 'La Vanguardia' (de Barcelona) e da revista 'Economía' (de Madrid) e redactor-delegado da revista galega 'Chan', que se editaba en Madrid dirixida por Borobó.

Durante os catro primeiros anos da autonomía mantivo unha sección diaria no periódico 'Faro de Vigo'. A maior parte da súa vida profesional transcorreu en 'El Correo Gallego', e tamén foi colaborador de 'O Correo Galego', o primeiro xornal escrito en galego, colaboración que tivo que deixar porque a declararon incompatible coa columna no xornal en castelán.

O seu labor xornalístico mereceu distintos premios, entre eles o primeiro premio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, segundo premio Cidade de Vigo, gañador dúas veces do Premio Banco de Bilbao de Ferrol, premio Vila do Grove, Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico 'Álvaro Cunqueiro', entre outros. Polas colaboracións publicadas no diario da tarde, foi Premio Nacional de Xornalismo Universitario.

O xornalista José Martínez Couselo
O xornalista José Martínez Couselo | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta