Pontón: "as portas xiratorias do lobby eléctrico benefician tanto ao PP como ao PSOE"

O BNG pide un novo sistema de facturación da electricidade que non "prexudique" á familias e pemes.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/05/2021 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reprochou este luns o novo sistema de facturación da electricidade ao entender que supón un "desacerto e unha inxustiza" xa que prexudicará ás familias e ás pequenas empresas mentres "gañan as eléctricas".

A líder do BNG, Ana Pontón
A líder do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG.

Para a líder de BNG, a nova tarifa supón unha das subidas máis importantes dos últimos tempos e "unha pedra no camiño para moitas familias que, se queren pagar menos pola factura da luz deberán cambiar os seus hábitos e pór a lavadora, o forno ou o lavalouzas neses tramos que son máis baratos", entre as 12 horas e as 8 horas.

"Se me permitides a ironía é súper súper compatible coa conciliación e co descanso porque o que tes que facer para pagar menos é non durmir", lamentou. Estas decisións fan preguntarse, na súa opinión, "quen goberna no Estado, se o Consello de Ministros ou o consello de administración das eléctricas que obteñen beneficios" con estas subidas.

Ademais, a líder nacionalista considerou que tanto o PSOE como o PP permiten esta situación porque a pesar de que se trata dunha decisión estatal, tampouco o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "moveu un dedo para evitalo", co que se demostra que "as portas xiratorias do lobby eléctrico benefician tanto ao PP como ao PSOE", afirmou.

Por iso, urxiu unha intervención pública do sector e, no caso de Galicia, crear unha empresa pública de enerxía e implementar unha tarifa eléctrica galega como compensación ao feito de ser unha comunidade excedentaria en enerxía cos custos ambientais que iso supón.

Tamén reclamou rebaixar o IVE da electricidade ao 4 por cento, ao considerar que a luz non pode ser considerada nin un negocio nin artigo de luxo senón que debe entenderse e gravarse como un ben público. EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta