Prado nega que o PPdeG estea "masculinizado" e apoia que o PP acuda a manifestarse a Colón

Considera que "non pasa nada" por manifestarse en contra dos indultos a "uns señores que insisten en que van seguir tentando a independencia de Cataluña en España".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2021 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG Paula Prado negou este luns que o partido en Galicia estea "masculinizado" en canto a liderados e destacou que a proposta de comité organizador do 17º Congreso Autonómico, previsto para os días 16 e 17 de xullo en Pontevedra, está conformado por mulleres.

"O PP é un partido plural onde estamos homes e mulleres, e neste caso coincide que a comisión organizadora está formada maioritariamente por mulleres e iso é unha boa noticia. Significa que as mulleres do PP non son só un número, senón que tamén teñen voz e voto e participan na xeración de ideas", explicou.

Así se pronunciou Prado a preguntas dos medios durante unha rolda de prensa celebrada este luns, despois de que o domingo se coñecese que a Xunta Directiva proporía que a organización do Congreso -que, salvo sorpresas, ratificará o liderado de Alberto Núñez Feijóo- estea a cargo de oito mulleres e presidida pola concelleira en Pontevedra Pepa Pardo.

En calquera caso, Paula Prado destacou que este conclave servirá para "renovar ideas e equipos" e que "ata que se presenten as candidaturas aínda non se sabe a quen se vai a escoller" para os órganos directivos.

"Eu digo, simplemente, que aínda non se presentaron as candidaturas e os equipos son moi grandes", recalcou a viceportavoz popular, xa que a nivel orgánico existen tamén o Comité de Dirección e o Comité Executivo.

Por iso, suxeriu que "podería haber moitísimas máis mulleres" nestes órganos tras o Congreso. Iso si, afirmou que "a día de hoxe tamén as hai, porque hai cinco vicesecretarias e todas elas son mulleres". "Por tanto, creo que moi masculinizado non está o partido", resolveu.

MANIFESTACIÓN EN COLÓN

Por outra banda, Paula Prado apoiou que o PP acuda á Praza de Colón a manifestarse contra os indultos aos presos do 'procés' o próximo 13 de xuño, igual que o farán Ciudadanos e Vox nunha protesta convocada pola asociación Unión 78.

"Non é unha cuestión dunha foto, é unha cuestión de reivindicar e manifestar o noso rexeitamento a que se dean indultos a uns señores que insisten en que van seguir tentando a independencia de Cataluña en España, contra a que nós estamos absolutamente en desacordo", xustificou.

Ante o temor de que outra 'foto de Colón' con Ciudadanos e Vox poida pasar factura en apoios aos populares, Prado suxeriu que "non pasa nada" por que se manifesten "en contra" desta decisión do Goberno de España.

A viceportavoz do PPdeG no Parlamento galego insistiu en que a concesión dos indultos deixaría "unha situación moi grave, porque estaría contraviniendo a lexislación vixente" ao ter "en contra" ao Tribunal Supremo e porque os líderes do 'procés' xa manifestaron "que van volver a facelo".

"Para nós, é unha moi mala noticia en democracia que se indulte a uns señores que provocaron o 1 de outubro e o intento de independencia de Cataluña", insistiu

A viceportavoz do PPdeG no Parlamento galego, Paula Prado, en rolda de prensa. PPDEG
A viceportavoz do PPdeG no Parlamento galego, Paula Prado, en rolda de prensa. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta