Unhas 20 persoas morren ao ano en Galicia por mor das altas temperaturas

Un terzo das mortes por calor no mundo nos últimos 30 anos son consecuencia do quecemento global.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2021 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

Un terzo das mortes por calor rexistradas no mundo entre 1991 e 2018 son atribuíbles ao quecemento global, que aumentou os riscos de mortalidade debido ao incremento das temperaturas.

Trátase dunha das principais conclusións dun estudo internacional no que participou o investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Dominic Royé e que foi publicado recentemente na revista 'Nature Climate Change'.

A través dunha análise de datos extraídos de 732 cidades en 43 países de todo o globo, o estudo determina que o impacto da calor durante o verán debido ao cambio climático é maior en países mediterráneos como España, Italia e Grecia.

"Concretamente, o número de mortes por calor relacionada co cambio climático supera a barreira dos 700 por ano nas capitais de provincia de España", sinala Dominic Royé, que pon como exemplo as cifras das dúas grandes cidades do Estado. Así, Madrid supera os 170 mortos por calor ao ano, mentres que Barcelona roza a centena. Galicia, pola súa banda, presenta unha media de 20 falecementos vinculados ás altas temperatuas cada ano.

AUMENTO PRESIÓN ASISTENCIAL

O agravamento das condicións meteorolóxicas, con predicións que apuntan a un aumento substancial das temperaturas medias e a aparición de fenónemos extremos como ondas de calor, tamén terá impacto nos sistemas sanitarios.

Ademais dunha subida da mortalidade e a morbilidad, o estudo tamén vaticina que o cambio climático e o quecemento global carrexará un aumento da presión asistencial sobre os sistemas sanitarios.

"Esperamos que a proporción de mortes relacionadas coa calor continúe crecendo se non facemos algo contra o cambio climático. Ata agora, a media da temperatura global só aumentou ao redor dun grao centígrado, que é unha fracción do que poderiamos afrontar se as emisións continúan aumentando sen control", inciden os promotores da investigación.

Sol e calor
Sol e calor | Fonte: Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta