Un fallo informático impide o trámite telemático da matrícula de renovación en escolas infantís da Xunta

O prazo iniciouse este martes 1 de xuño.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2021 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

Un fallo informático impide realizar o trámite telemático da matrícula en escolas infantís da Xunta para aquelas prazas que sexan de renovación. O prazo iniciouse este martes 1 de xuño pero pasadas as 15,00 horas deste martes continuaba o erro na sede electrónica do Goberno galego.

Un neno nunha escola infantil
Un neno nunha escola infantil | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia.

Fontes da Consellería de Política Social informan de que é "un tema informático" e que "afecta só a renovacións". Os técnicos traballaban para arranxalo, aseguran.

En función do que dure esta incidencia, a Xunta "valorará" estender o prazo de 10 días para realizar a matrícula de forma telemática en escolas infantís, segundo apuntan as mesmas fontes.

As familias dos 8.235 nenos admitidos para o próximo curso 2021-2022 en escolas infantís da Xunta tiñan inicialmente de prazo para formular a matrícula a partir deste martes 1 de xuño, ata o xoves 10 de xuño.

As familias deben presentar o impreso da matrícula cos datos cubertos acompañado pola copia da cartilla de vacinación do neno. O trámite pode realizarse tamén no propio centro no que o cativo obtivese a praza para o próximo curso, que arrinca o próximo 6 de setembro, aínda que a crise sanitaria aconsella que o trámite se faga en liña.

A relación de admitidos, que suman un 2% máis respecto ao actual curso, pode consultarse nas páxinas web da Consellería de Política Social e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta