BNG critica a "confrontación inútil" entre PP e PSOE e pide unha resposta "apegada a Galicia"

Ana Pontón considera que neste episodio "hai un certo oportunismo por parte de Feijóo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2021 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou este venres o "novo episodio" de "confrontación inútil" entre o Partido Popular e o Partido Socialista sobre as medidas para a desescalada e avogou por unha resposta "o máis apegada á realidade de Galicia, tanto desde o punto de vista económico como epidemiolóxico".

Pontón pronunciouse deste xeito ao ser preguntada polo rexeitamento da Xunta ao documento presentado polo Goberno no Consello Interritorial de Saúde con normas sobre hostalaría, lecer nocturno e eventos multitudinarios.

Na súa intervención, Pontón destacou a "coherencia" da súa formación. "Nós sempre defendemos o autogoberno e cremos que ten que haber unha resposta que estea o máis apegada á realidade de Galicia, tanto desde o punto de vista económico como epidemiolóxico".

"É evidente que imos defender sempre as competencias que ten Galicia e a capacidade para dar unha resposta xusta á crise", afirmou para lamentar o "novo episodio de confrontación entre o PP e o PSOE".

Un novo "episodio" no que, segundo considerou, "hai un certo oportunismo por parte de Feijóo", quen "noutros momentos fixo unha política de brazos caídos á hora de defender o autogoberno galego" e que "isto é unha nova escusa nesta confrontación partidista".

En todo caso, sostivo que "hai un certo cansanzo de ver como esta pandemia se segue utilizando para a confrontación inútil entre o PP e o PSOE, no que isto supón un episodio máis".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto ás deputadas Olalla Rodil e Noa Presas na rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto ás deputadas Olalla Rodil e Noa Presas na rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

PROPOSTAS ECONÓMICAS PARA SAÍR DA CRISE

O BNG denunciou a "parálise" na que o Partido Popular mantén a comisión parlamentaria de reactivación nove meses despois da súa creación, seguindo a estratexia utilizada para "boicotear" a comisión de investigación sobre a desaparición das caixas de aforro galegas.

Así o asegurou a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, nunha rolda de prensa ofrecida este venres, na que sostivo que "tanto o PP como o Goberno da Xunta utilizaron esta comisión como unha pantalla, como un simulacro porque a súa oferta de diálogo nunca foi sincera".

"Demóstrao o feito de que apenas reservaron migallas do orzamento para os proxectos da comisión e que nove meses despois da súa constitución non se avanzou nada", denunciou Pontón acompañada das deputadas Olalla Rodil e Noa Presas.

Na súa comparecencia, Pontón criticou que, a estas alturas, non haxa "un plan de país para enfrontar a reactivación", cun PP que "actúa con opacidade e pretende que os fondos cheguen ás grandes empresas ignorando ás pemes".

Fronte a iso, tras anunciar o rexistro do ditame do BNG con 170 medidas a curto, medio e longo prazo para encarar a reactivación económica, social e cultural da Galicia poscovid, subliñou que a súa formación aposta pola descentralización, polo tecido produtivo de base e por unha saída xusta da crise.

"Medidas transformadoras para un novo modelo económico verde, baseado na ciencia e na investigación, que fomente a creación de emprego, que favoreza o equilibrio ambiental e a igualdade de xénero, conscientes de que as decisións que tomemos determinarán o modelo de sociedade e de país para as próximas décadas", argumentou a líder do Bloque.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Foto del típico trío de ases del BNG: amplia experiencia profesional al margen de la política y prestigio indudable en su profesión.