Unións Agrarias reclamará nos tribunais "o 100%" dos danos do xabaril aos tecores

A organización explica que se trata dun cambio de estratexia para que a Xunta "reaccione".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2021 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) avanzou este martes un "cambio de estratexia" para evitar os danos causados polo xabaril nas explotacións agrogandeiras. Así, promoverá unha campaña para reclamar nos tribunais aos xestores dos terreos cinexéticamente ordenados (tecores) "o 100 por 100" dos custos que esta especie ocasiona e buscar así que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda "reaccione".

Ademais, a organización pedirá a declaración de emerxencia cinexética, como xa ocorreu na segunda metade do 2019, e que a Xunta poña en marcha do Fondo de Corresponsabilidade contemplado na lei galega de caza de 2013, aínda que avisa que "quedará curto".

Así o anunciaron este martes nunha rolda de prensa telemática o secretario xeral de UU.AA., Roberto García e o secretario de Desenvolvemento Rural do sindicato, Jacobo Feijóo, quen consideran que a estratexia de "interlocución" seguida ata o momento non forneceu efectos e desencadeou no descontrol do que xa denominan "unha praga".

Para Jacobo Feijóo, o inicio da sementeira do millo veu a confirmar que "hai un descontrol certo das poboacións" desta especie silvestre que alcanza, segundo as súas cifras, os 200.000 exemplares.

"É o momento de exporse a hai que ir a un cambio radical. Non pode ser que as poboacións de xabaril sigan descontroladas, que os danos vaian a máis ano a ano e que o custo dos danos estea a repercutir cada vez máis nas rendas dos produtores e os gandeiros", explicou o responsable de Desenvolvemento Rural de UU.AA.

Pola súa banda, Roberto García cifrou nuns 15 millóns de euros o custo anual dos danos, ao que sumou os accidentes de tráfico que provocan --segundo cifras que achegou na rolda de prensa, dos 1.500 sinistros de 2014 pasouse a 3.259 en 2019--.

DENUNCIAN "O SILENCIO" DA XUNTA

Así mesmo, o secretario xeral de UU.AA. lamentou que, ante o "incremento substancial" das desfeitas nas explotacións e do número de xabaría, a Consellería de Medio Ambiente ofrece "o silencio" como resposta.

Ante esta situación, anunciou que a organización buscará dar "cobertura xurídica" aos agricultores e gandeiros para que poidan "reclamar nos tribunais o 100 por 100 dos danos" aos tecores, que son os que deben responder de acordo coa lei de caza do 2013.

"Isto pode afectar á viabilidade de determinados tecores, pero os responsables non imos ser nin Unións Agrarias nin os gandeiros", sinalou García, quen tamén explicou que esta acción está dirixida a que a Xunta "reaccione" e acometa cambios na xestión das poboacións do xabaril.

A CONSELLEIRA "MIRA CARA A OUTRO LADO"

Neste contexto, acusou á conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, de "mirar cara a outro lado" co problema do xabaril nos últimos dous anos e de ter "unha dobre moral" ao mostrarse "histérica" ante os danos causados polo lobo ibérico mentres a nivel estatal se debate sobre a prohibición ou non da súa caza.

O secretario xeral de UU.AA. xustificou este cambio de liña de acción do sindicato, que ata o momento se caracterizaba por "buscar a interlocución coa Xunta, coa Federación Galega de Caza e cos tecores", porque a administración debe asumir que "hai que pór en marcha mecanismos contundentes de redución".

"Ante a ausencia de resposta por parte da Consellería, vémonos abocados a tomar a decisión de xudicializar os procesos", aseverou, á vez que lembrou que nos últimos meses os tribunais ditaron "continuas sentenzas" favorables a gandeiros afiliados da súa organización.

CAMBIO LEXISLATIVO

A preguntas dos medios, García alegou que é a solución provista na lei galega de caza a pesar de que UU.AA. tentou hai dous anos "cambiar a lei" a través dunha iniciativa lexislativa popular que tentaron que fose consensuada cos tecores.

"Nós entendemos que (acudir aos tribunais) non é unha solución", recoñeceu, dada a limitada capacidade económica dos tecores. "Quen si temos claro que non son responsables dos danos son os agricultores, pero a lei, por desgraza, di que quen ten que responder os danos causados son os tecores", agregou.

"Ou se cambia a lei (...) ou se tratará de incentivar que todos os que teñan danos poidan acudir a cobralos", sentenciou o líder de UU.AA.

O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.)., Roberto García e o secretario de Desenvolvemento Rural do sindicato, Jacobo Feijóo, en rolda de prensa.. UNIÓNS AGRARIAS
O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.)., Roberto García e o secretario de Desenvolvemento Rural do sindicato, Jacobo Feijóo, en rolda de prensa.. UNIÓNS AGRARIAS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta